Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

28 de setembro - Día internacional por un aborto legal, seguro e gratuíto

    Un ano máis, CCOO de Galicia únese á reivindicación global do 28 de setembro por un aborto legal e seguro, libre de penalización e para todas as mulleres e nenas.

    28/09/2022.
    CCOO defende o dereito ao aborto legal e seguro

    CCOO defende o dereito ao aborto legal e seguro

    O movemento feminista, así como todas as organizacións sociais e políticas que apoiamos e defendemos a igualdade e a non discriminación, entendemos que tanto as mulleres coma os homes debemos ter o mesmo trato e os mesmos dereitos e liberdades.

    Porén, as políticas baseadas no modelo de familia tradicional, heteronormativo e patriarcal le­van implícita a crenza de que é lexítimo lexislar sobre os corpos das mulleres porque, real­mente, as liberdades e os dereitos delas sitúanse por debaixo das dos homes. Esta premisa é a que defenden os partidos da dereita e a ultradereita, e a súa crecente participación nos gober­nos dos países occidentais está a promover a eliminación de moitas políticas e regulacións normativas que xa aceptaran que o aborto debe ser un dereito das mulleres para decidir libre e informadamente sobre os seus propios corpos.

    Os desafíos que afrontan os movementos por unha democracia real que non discrimine a me­tade da poboación semellan, hoxe en día, tan fortes como os que afrontaron nos países sura­mericanos e caribeños as feministas dos anos 90, que foron as promotoras deste día de loita pola igualdade real a través da defensa do dereito fundamental a decidir sobre o propio corpo.

    Trinta anos despois, esa loita ten que facerse máis forte para combater as políticas retrógradas que están rexurdindo por todo o mundo occidental da man da ultradereita.

    Ao longo dos anos, a prohibición e ilegalización do aborto amosouse ineficaz na redución do número de abortos, pero efectiva no aumento da mortaldade cando se realizan clandestina­mente e baixo condicións pouco hixiénicas e inseguras. Pola contra, o número de abortos re­dúcese realmente naqueles países onde a educación sexual é de calidade e desde idades tem­perás.

    Por iso, normas como a lei española de liberdade sexual son tan importantes no camiño cara a unha sociedade que despenalice o aborto por discriminatorio e controlador do corpo da me­tade da poboación, unha sociedade que comprenda que o aborto debe ser unha decisión per­soal da nena ou muller que se atope nesa situación.

    Seguiremos loitando por acadar unha sociedade na que esa decisión sexa unha realidade facti­ble e non criminalizadora para todas as nenas e mulleres.

    Hoxe, máis ca nunca, non podemos esquecer a perversión dunha regulación restritiva que o único que consegue é poñer en risco serio as vidas de tantas rapazas e mulleres todos os días. 

    Hoxe, máis ca nunca:

    as CCOO reivindicamos o ABORTO LIBRE E SEGURO XA!