Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

CCOO denuncia falta de persoal e deficiencias de seguridade nos pisos de acollida do Concello de Lugo

    A sección sindical de CCOO denunciou na Inspección de Traballo distintas irregularidades laborais na Casa da Muller do Concello de Lugo, que xestiona pisos de acollida para as mulleres vítimas de violencia machista. As cuestións denunciadas polo sindicato afectan a puntos como a conciliación, a saúde no traballo ou a xornada realizada. A medida tomouse tras a falta de resposta ou as respostas «incoherentes» por parte da Administración local ás peticións formuladas polo sindicato, que tamén se queixa da falta de persoal.

    28/09/2022.
    Casa da Muller

    Casa da Muller

    A situación máis grave denunciada é a esixencia de que o persoal da Casa da Muller faga labores que non forman parte do seu cometido profesional, como por exemplo mantemento das caldeiras, «que por riba están en mal estado, co consecuente risco», sinala CCOO.

    O sindicato lembra que estas funcións non están previstas na relación de postos de traballo (RPT), nin contan coa preceptiva avaliación de riscos laborais —conforme marca a lei—, polo que esta obriga «entendemos que non se axusta á legalidade».

    Ante o risco que isto supón, o sindicato rexistrou un escrito o pasado 15 de xullo, que máis de dous meses despois aínda non foi respondido. Isto, malia se teren dado «situacións tan perigosas como un enchufe cheo de auga», advirte CCOO.

    Outras eivas que o sindicato denuncia na Inspección teñen a ver coa falta de claridade sobre a maneira en que o persoal debe solicitar as súas peticións de días de asuntos propios e asuntos familiares —co prexuízo que iso supón para a conciliación— ou a negativa do Concello a concretar o tempo de reacción de que dispón o persoal durante as súas gardas localizadas.

    Falta de persoal

    O sindicato tamén pon de manifesto a falta de persoal para este servizo e a ausencia de vontade política por parte do Concello para atender esta demanda. Por exemplo, unha praza de traballadora de familia, vacante por xubilación, non se cubrirá porque o Goberno local optou por crear unha praza máis de policía á custa deste servizo. Outro tanto acontece cunha praza de psicoloxía, actualmente ocupada pola xefatura do servizo de Muller e Igualdade.

    CCOO sinala que a falta de persoal non só implica unha maior carga de traballo para o resto, senón que produce unha mingua na calidade dun servizo público que atende a mulleres nun momento e nunha situación especialmente vulnerables.