Cartel anunciador da manifestación do 6 de novembro para rescatar a CRTVG
Todas as organizacións convocadoras consideran que o Goberno galego mantén «secuestradas» a radio e a televisión públicas de Galicia, antepoñendo os intereses do Partido Popular aos valores de carácter ético-político en que debe asentar o servizo público.
Neste contexto de «deterioración progresiva» da CRTVG e de «abandono das misións que ten encomendadas», chaman a sociedade galega a «saír ao rescate» dos seus medios de comunicación públicos. Así mesmo, manifestan a súa «firme vontade» de defender a existencia dunha radiotelevisión pública que difunda contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galegas, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, como a igualdade e a non discriminación, e a calidade da propia democracia.
Demandan, tamén, unha programación que preste especial atención á infancia e á mocidade, que promova e defenda a identidade, a cultura e a lingua propias de Galicia, que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente e que «erradique, dunha vez por todas, a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais».
Por último, instan os poderes públicos galegos a cumpriren a normativa legal do sector audiovisual público galego, nomeadamente a designación por unha maioría cualificada do Parlamento do director xeral da CRTVG —o actual foi designado «a dedo» hai trece anos e acúsano de ser a expresión dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público.
Concentracións
— Lugo: venres, 7 de outubro, ás 11 horas, na praza do Seminario
— Ourense: luns, 10 de outubro, ás 11 horas, no parque de San Lázaro
— Ferrol: venres, 14 de outubro, ás 11 horas, na praza de Armas
— Pontevedra: martes, 18 de outubro, ás 11 horas, na praza da Peregrina
— A Coruña: venres, 21 de outubro, ás 11 horas, no Obelisco
— Vigo: martes, 25 de outubro, ás 11 horas, na farola de Urzáiz
— Santiago de Compostela: xoves, 3 de novembro, ás 11 horas, na praza de Abastos
Manifestación
— Santiago de Compostela: domingo, 6 de novembro, ás 12 horas, na praza Roxa