Francisco Méndez e Amelia Pérez, na clausura da xornada
A condución da xornada correspondeu ao secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO de Galicia, Francisco Méndez, mentres que a presentación correu a cargo de de Víctor Ledo, secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia.
Na introdución, Ledo salientou como un dos principais obxectivos da circularidade lograr un «novo deseño dos produtos» de xeito que sexan máis duradeiros, porque a iso tamén nos obriga a transición verde. No ámbito laboral, Ledo salientou que o reto prioritario do sindicato é que esta transición non se faga á custa da clase traballadora. «Loitaremos para que o emprego que se cree sexa digno e con dereitos», incidiu.
A continuación interveu Paula Uría, secretaria xeral de Industria da Xunta de Galicia. Explicou que o obxectivo do Goberno galego é crear un ecosistema empresarial vinculado á transición enerxética e explicou as distintas ferramentas de apoio á implantación e consolidación de proxectos estratéxicos.
Miguel Rodríguez, economista da Universidade de Vigo, explicou que o principal obxectivo da economía circular é «reducir os nosos impactos na natureza». Segundo razoou, «cando extraemos algo da natureza, debémolo manter o maior tempo posible no circuíto socioeconómico e devolvelo á natureza dunha forma o máis asimilable posible».
A aposta pola economía circular contribuirá a reducir o gasto de materias primas, «máis ainda nun mercado tan tensionado» como o actual, e isto axudará «a xerar máis valor e a termos máis renda dispoñible». Entre as propostas que formulou está a creación dun mapa cos recursos de que dispón Galicia para os distintos sectores.
A continuación interveu Pablo Núñez, director de Relacións Institucionais de Cobre San Rafael, que abundou na liña da necesidade de materias primas para apuntalar a transición enerxética en Galicia. Explicou que o 70 % da industria europea depende directa ou indirectamente das actividades da industria de materias primas minerais.
Ademais, dependendo do sector, Europa importa entre o 75 e o 100 % dos metais que precisa. Isto representa un problema de soberanía, especialmente no conflitivo contexto internacional actual.
A matemática Rocío Vega, responsable de dixitalización de Reganosa, explicou o proxecto da empresa para obter biometano a partir dos xurros de orixe agrogandeira. Segundo relatou, a supervivencia de moitas granxas depende deste tipo de proxectos, xa que a normativa europea se vai endurecendo progresivamente e os produtores expóñense a sancións se non xestionan adecuadamente os residuos.
Tras varias intervencións sobre as materias primas, Francisco Silva, delegado de Iberdrola, entrou de cheo en materia enerxética. Na súa opinión, o futuro está na eólica mariña (tamén coñecida como offshore). Chamou a atención sobre o paradoxo de que na ría de Ferrol se estan a fabricar compoñentes para esta industria que se instalan en parques doutras latitudes, como o mar da Bretaña, mentres non se autorizan parques de eólica mariña en España.
Na súa opinión, a evolución dos prezos do gas e o contexto internacional demostran que urxe apostar por fontes enerxéticas fiables que, ademais, reforcen a independencia do mercado enerxético fronte á conxuntura exterior.
Tamén falaron de enerxía e de circularidade o presidente do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao, José Antonio Zan, e o secretario xeral de CCOO-Industria. Nas súas intervencións, lembraron que a fábrica está parada polo elevado custo da enerxía, o que significa que actualmente non se produce en España unha materia prima fundamental como é o aluminio primario, intrinsecamente ligado á econo´mia circular pola súa reciclabilidade e polo seu uso en multitude de sectores.
Non fabricalo en Galicia —a de San Cibrao é a única planta que queda en España— significa ter que importar doutros países todo o aluminio primario. «Este é un exemplo de por que precisamos fontes de enerxía a un prezo economicamente sustentable», incidiu Ledo.
O derradeiro relator foi Antonio Ferrer, consultor técnico do Instituto Sindical de Traballo, Ambiente e Saúde (ISTAS-CCOO), quen centrou a súa intervención na figura da delegada e delegado de medio ambiente nas empresas.
Froito da evolución da nosa sociedade, as empresas teñen que cumprir cada vez requisitos máis estritos en materia ambiental. Ferrer defendeu que a participación sindical é clave para que as empresas consigan os obxectivos de transición sen que iso se traduza en custos sociais, polo que a figura destes delegados e delegadas é «fundamental», insistiu.
A participación e intervención sindical nestes procesos está prevista no Estatuto dos traballadores (art. 64.7.c), sempre que así o recolla o convenio colectivo, polo que un dos retos é facer constar ese recoñecemento explícito.
Clausurou a xornada a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez. «Temos que liderar o cambio de paradigma a que nos obriga a economía circular», destacou a dirixente sindical. «Temos que liderar o cambio ou a onda vainos levar por diante», advertiu.
Pérez apelou a traballar intensamente nas empresas, «man a man coas delegadas e delegados de medio ambiente», para garantir que a «imparable» transición non se faga á custa dos dereitos laborais. «Como vimos hoxe, é posible anticiparse ao cambio e debémolo facer para que se produza nas mellores condicións posibles», apuntou.