Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

O sector Ferroviario de CCOO exponlle ao PSdeG a necesidade dun ferrocarril de proximidade para Galicia

    Na mañá deste luns, unha delegación do sector Ferroviario de CCOO de Galicia reuniuse co Partido Socialista de Galicia para trasladarlles os problemas que hai actualmente no servizo e infraestruturas ferroviarias. Tamén se expuxeron as propostas do sindicato para corrixir a situación e lograr que a comunidade autónoma conte cun plan transporte ferroviario útil, seguro e sostible. Por parte de Comisións Obreiras acudiu a esta xuntanza Gregorio Bermejo, coordinador do sector en Galicia, xunto cos secretarios xerais do sector en cada provincia.

    10/10/2022.
    Fotografía de arquivo dunha mobilización do sector Ferroviario de CCOO

    Fotografía de arquivo dunha mobilización do sector Ferroviario de CCOO

    A alta velocidade e a potenciación do corredor atlántico, xunto coas conexións con Madrid, Barcelona e Lisboa, constituíron un bloque temático da reunión. Outro tratou da dos efectos da situación sociosanitaria producida pola pandemia e as consecuencias da crise enerxética —con impacto na mobilidade da poboación.

    Canto á situación actual dos servizos ferroviarios, CCOO explicou que se recuperou a maior parte dos que había antes da pandemia. Porén, o principal problema é a falta de material e de persoal comercial —sobre todo no corredor atlántico—, nun momento en que aumentou o número das persoas viaxeiras por mor da bonificación dos títulos de transporte.

    Para o sector Ferroviario de CCOO, o futuro deste medio de transporte en Galicia require a implantación de servizos de proximidade nas áreas metropolitanas de Vigo e da Coruña, concretamente entre Vigo-Vilagarcía-Santiago e A Coruña-Ferrol. Tamén é preciso potenciar os servizos de media distancia no resto de liñas convencionais, as conexións co norte de Portugal e aumentar as frecuencias na liña de ancho métrico da Mariña. Segundo o sindicato, a creación dos servizos de proximidade ha implicar maiores frecuencias e, polo tanto, o abaratamento dos títulos de transporte.

    Un dos proxectos que CCOO ten máis avanzado é a implantación de servizos de proximidade transfronteirizos entre Galicia e o norte de Portugal, con conexión do Eixo Atlántico. «Non se pode perder esta oportunidade histórica, cómpre aproveitar os fondos europeos, porque a infraestrutura xa existe, o que fai falta é poñer en circulación os trens», sinala Gregorio Bermejo.

    Sobre esta cuestión, o sector Ferroviario de CCOO xa mantivo encontros coa Xunta de Galicia, distintos Concellos, FEGAMP, Confederación de Empresarios, Deputación de Ourense, Mancomunidade da Mariña, Câmara Municipal de Valença do Minho, direccións de Adif e Renfe así como portavoces das Plataformas de usuarios. O sindicato está pendente de reunirse coa Deputación de Pontevedra e coa Delegación do Goberno en Galicia.

    Infraestruturas

    En materia de infraestruturas, ademais das obras que están en marcha para a modernización da liña entre Ourense e Lugo, CCOO insiste na necesidade de investir no resto da rede convencional, destacando o corredor do Miño entre Ourense e Vigo, a liña da Coruña a Ferrol, o tramo entre A Coruña e Lugo, a liña convencional entre Ourense e Santiago, e a liña entre Monforte e Ponferrada. «É preciso potenciar o tráfico de viaxeiros e de mercadorías, este último, coa conexión dos portos e centros loxísticos co corredor atlántico europeo», apunta Bermejo.

    No encontro, os sindicalistas de CCOO salientaron a necesidade de lograr un consenso transversal dos axentes políticos e sociais para crear en Galicia dunha rede de proximidade que permita os desprazamentos baratos e frecuentes entre poboacións próximas. Deste xeito, daríase resposta ás necesidades de emprego, estudos e progreso social de localidades e cidades limítrofes onde se complementarían servizos, economía e cultura.

    Por todo isto, o sector Ferroviario de CCOO pediu que defendan estas propostas tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso dos Deputados, aproveitando a oportunidade que supoñen os fondos europeos.