Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 11 Maio 2024.

As protestas do persoal da CRTVG continúan na Coruña

    CCOO apoia ao comité intercentros e máis de trinta organizacións que convocan mobilizacións para «rescatar» a CRTVG

    22/10/2022.
    Protesta do persoal da CRTVG na Coruña

    Protesta do persoal da CRTVG na Coruña

    As protestas das traballadoras e traballadores da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) chegaron a Coruña.Todas as organizacións convocadoras consideran que o Goberno galego mantén «secuestradas» a radio e a televisión públicas de Galicia, antepoñendo os intereses do Partido Popular aos valores de carácter ético-político en que debe asentar o servizo público.

    Así mesmo, manifestan a súa «firme vontade» de defender a existencia dunha radiotelevisión pública que difunda contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galegas, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, como a igualdade e a non discriminación, e a calidade da propia democracia.

    Demandan, tamén, unha programación que preste especial atención á infancia e á mocidade, que promova e defenda a identidade, a cultura e a lingua propias de Galicia, que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente e que «erradique, dunha vez por todas, a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais».

    Concentracións

    — Vigo: martes, 25 de outubro, ás 11 horas, na farola de Urzáiz

    — Santiago de Compostela: xoves, 3 de novembro, ás 11 horas, na praza de Abastos

    Manifestación

    — Santiago de Compostela: domingo, 6 de novembro, ás 12 horas, na praza Roxa