Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

Acordo no Grupo Inditex para compensar a perda de poder adquisitivo

    Recupérase o incentivo de dependentas/es na contía de 1000 euros e ábrese a negociación para un sistema de incentivos universal e transparente.

    18/11/2022.
    Acordo no Grupo Inditex

    Acordo no Grupo Inditex

    Desde CCOO Servizos e UGT reclamóuselle a INDITEX que articulase medidas no grupo que compensen o impacto da inflación e que revertan no persoal parte dos beneficios. Hoxe asinamos un acordo de aplicación estatal para recuperar o incentivo de dependentas que se eliminara coa pandemia –incrementando a súa contía a 1000 euros– e abrir a negociación para modernizar o sistema de incentivos, co obxectivo de que sexa universal, equitativo e transparente.

    Nas últimas semanas, seguindo a lóxica global de acordos estatais que foron clave na pandemia, pospandemia e proceso de absorcións, e de forma complementaria á negociación estratéxica aberta co Plan de Igualdade de Grupo, desde CCOO expuxemos ao Grupo Inditex negociar medidas de aplicación no conxunto do Grupo que fagan fronte, a curto e medio prazo, á perda de poder adquisitivo. Finalmente, asinamos un acordo de aplicación en todo o Grupo, en todas as marcas e provincias, co que:

    • Conseguimos recuperar o incentivo de dependentas, aumentando a súa contía a 1000 € (600 € xornadas < 24 h), que se a aboará na nómina de febreiro 2023.
    • Conseguimos abrir unha negociación para establecer en todas as marcas do Grupo un sistema de incentivos e comisións máis transparente, universal e equitativo, amais de ter en consideración as vendas por todas as canles, físicas e en liña.

    Inditex comprometeuse ao desbloqueo da negociación

    Ademais, a dirección do Grupo Inditex comprometeuse no acordo a se implicar máis no desbloqueo e actualización salarial dos convenios autonómicos e provinciais: o 57 % das persoas traballadoras do Grupo Inditex están actualmente en convenios sen renovar e, en consecuencia, coas súas retribucións conxeladas, o que necesariamente pode levar a escenarios de conflito no mes de decembro neses ámbitos territoriais.

    Trátase, sen dúbida, dun acordo estratéxico, que demostra que a mellor forma de facer partícipe o conxunto de persoal da boa marcha económica de Inditex é alcanzar acordos globais que beneficien a todas e todos, en todas as marcas e provincias.