Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Parada do Sector Naval polo falecemento dun traballador da industria auxiliar

    O sector vístese novamente de loito pola morte dun traballador da industria auxiliar e convoca parada e manifestación para este venres, saíndo en columnas dos diferentes estaleiros ata a Xunta na praza da Estrela.

    24/11/2022.
    CCOO lamenta unha nova vítima nun accidente de traballo

    CCOO lamenta unha nova vítima nun accidente de traballo

    ITINERARIO DAS MARCHAS

    O persoal dos estaleiros e mais o da industria auxiliar reuniranse a primeira hora na entrada dos estaleiros, para explicar o sucedido e informar do percorrido ata chegar ás 11:30 h ata a Xunta, na praza da Estrela.

    • METALSHIPS. 09:30 h Concentración para saír cara á Xunta na praza da Estrela, pasando por Estaleiros San Enrique.
    • CARDAMA => FREIRE => ARMON => RÍA DE VIGO. 09:30 h Concentración para saír cara á Xunta na praza da Estrela.
    • AUXILIARES DE BOUZAS. Incorporaranse á marcha que se inicia en CARDAMA.
    • NODOSA (Marín). Incorporaranse á marcha que se inicia en CARDAMA.

    Os sindicatos CCOO, CIG e UGT levamos moito tempo reclamando maiores medidas de seguridade para o sector, xa que as empresas e a Xunta foron baixando a garda constantemente, ata o punto de levar máis de doce anos sen convocar as mesas do sector naval da ría de Vigo, entre elas a específica de Prevención e Saúde Laboral. Cómpre reactivar estas mesas nas que participaban todos os actores do sector, incluída a Inspección de Traballo, para que se garanta o traballo seguro e se recupere o respecto polos traballadores/as das auxiliares, que están a sufrir todo tipo de presións e malos tratos por parte das súas empresas e mais das principais.

    É necesario un maior control por parte de Inspección de Traballo sobre as auxiliares piratas que rebrotan no sector; urxe frear o modelo de presión, precarización e baixo custo que algúns tentaron implantar na ría co beneplácito da Xunta e que levou o sector a un modelo de negocio ruinoso, sen futuro e onde se perde a vida traballando.

    O sector volve berrar «basta xa». É necesario un cambio de rumbo, non só nas mentalidades empresariais, senón nas políticas de sector, con modelos de negocio abocados ao fracaso e sen rumbo fixo. É o momento de reclamar políticas activas en materia de prevención, de reactivar os axentes fiscalizadores, de sentar a todas as partes para acordar o modelo de sector e o seu futuro.