Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

A cidadanía galega mobilízase en defensa da sanidade pública

    Unha vintena de localidades galegas acolleron o mércores concentracións en defensa da atención primaria e da sanidade pública en particular. As protestas estiveron convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública, da que forma parte CCOO.

    01/12/2022.
    Concentración de SOS Sanidade Pública en Vigo

    Concentración de SOS Sanidade Pública en Vigo

    Desde a plataforma denuncian os problemas con que se atopa a poboación para ser atendida nos centros de saúde, PAC e servizos de pediatría e atención primaria, as listaxes de espera de días e as consultas masificadas ou a precariedade laboral e falta de recursos que padece o persoal, entre outras eivas.

    SOS Sanidade denuncia a falta de vontade da Xunta de Galicia para corrixir a situación. De feito, o orzamento sanitario para o 2023 case non aumenta respecto do ano pasado. No caso da atención primaria, porta de entrada ao sistema, o investimento só sobe do 13,4 ao 13,7 % do gasto sanitario total.

    Con este investimento é imposible recuperar a normalidade nas consultas de medicina familiar, así como os servizos de pediatría e os PAC que pecharon por falta de persoal médico, denuncia a plataforma, que convoca para mañá concentracións en todas as cidades e en numerosas vilas de Galicia.

    Asinaturas para a ILP

    Antes de cada concentración recolléronse novas sinaturas para apoiar unha iniciativa lexislativa popular (ILP) en defensa da atención primaria. Ata o momento xa se recolleron máis de 17.000 —o mínimo legal son 10.000— e SOS Sanidade ten como obxectivo reunir aínda máis apoios antes de que a iniciativa se tramite no Parlamento de Galicia.