Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Non á represión sindical en APPLUS+

    O traballador foi despedido por correo electrónico mentres se atopaba de baixa médica, tras máis de 20 anos ocupado como engraxador mecánico na fábrica de ENCE en Pontevedra.

    23/12/2022.

    URL | Código para insertar

    NON Á REPRESIÓN SINDICAL EN APPLUS+ #JackyREADMISION

    O pasado 15 de decembro, o noso compañeiro Jacky Tupai foi despedido por correo electrónico cando se atopaba de baixa médica, tras máis de 20 anos traballando como engraxador mecánico na fábrica de ENCE en Pontevedra. O verdadeiro motivo do despedimento, falsamente xustificado nunha redución de beneficios da contrata, é un novo caso de represión sindical por defender os dereitos dos seus compañeiros na empresa.

    Durante o pasado ERTE por causa de forza maior aplicado por ENCE, o xefe do Departamento Mecánico de APPLUS+ en Galicia presionou os traballadores para que renunciasen ao seu salario por escrito e a empresa non tivese que aplicar un ERTE, xa que iso prexudicaría as súas accións na Bolsa.

    O día 25 de novembro, preséntase nas dependencias de APPLUS+ na fábrica e reúne o persoal. Anuncia despedimentos e modificacións nas condicións de traballo se non aceptaban seguir facendo gardas e horas sen cobrar, ao que se negaron unanimemente.

    O xoves 15 de decembro, comunícalle a Jacky o despedimento como represalia.

    APPLUS+ duplicou no pasado exercicio os seus beneficios ata os case cen millóns de euros. Desde que asumiu a contrata no ano 2018, mantén visitadores e engraxadores mecánicos procedentes do convenio do metal polo de oficina técnica, tras ameazalos coa subrogación, sen recoñecer riscos específicos nin complementos nun ambiente industrial, non declara as horas extra nin paga as gardas de dispoñibilidade, e agora recorta servizos e modifica unilateralmente as condicións da contrata para aumentar os seus beneficios empresariais despedindo un traballador referente no cadro de persoal.

    Desde as CCOO de Pontevedra, xunto coa Coordinadora de traballadores auxiliares e o conxunto das seccións sindicais das Comisións Obreiras na fábrica de ENCE, chamamos á mobilización nunha campaña empregando todos os medios necesarios ata a readmisión incondicional e inmediata do noso compañeiro Jacky no seu posto de traballo, así como a revisión das condicións do persoal polos axentes implicados na contrata, comezando pola convocatoria de concentracións na portería da fábrica e na propia sede de APPLUS+ para denunciar as prácticas antisindicais da empresa.