Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO insta o alcalde de Vila de Cruces a aprobar a OPE do proceso extraordinario de estabilización de emprego temporal

    Advírtelle a Luís Taboada Sánchez que, de non o facer, o sindicato actuará penalmente contra el.

    08/01/2023.
    Aprobación da OPE

    Aprobación da OPE

    Para CCOO, esta actitude de insubmisión política do alcalde de Cruces, Luís Taboada Sánchez, a cumprir a Lei 20/2021, resulta inaceptable, tendo en conta que a propia lei establece que se incorre en responsabilidades no caso do seu incumprimento .

    Todos os concellos da provincia de Pontevedra, coa única excepción de Vila de Cruces, aprobaron a oferta pública de emprego de estabilización do emprego temporal antes do 30 de xuño de 2022, tal e como obrigaba a Lei 20/2021.Tamén todos os concellos, coa excepción de Cruces, aprobaron as bases que deben rexer eses procesos selectivos antes do 31 de decembro de 2022.

    CCOO, por escrito e en distintas conversas co alcalde, solicitou que se convoque os sindicatos á preceptiva mesa de negociación e que aprobe a OPE de estabilización e o conseguinte proceso de desenvolvemento da selección do persoal. Só conseguimos palabras, ningún feito concreto.

    Podería pensarse que este proceso de estabilización resulta moi complicado por afectar a moito persoal, pero nada máis lonxe da realidade porque só atangue dúas prazas de conserxe, que a Lei 20/2021 obriga a estabilizar inescusablemente.

    Hoxe, CCOO presentou de novo unha solicitude de convocatoria de mesa de negociación urxente para abordar esta cuestión, previa á aprobación da OPE, que, de non se producir, marcará o inicio de actuacions xudiciais contra o alcalde por parte do sindicato.