Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

O convenio do metal de Pontevedra actualiza os salarios co IPC

    Despois da suba salarial do 1,75 %, efectiva desde o 1 de xaneiro de 2022, as táboas salariais do convenio colectivo do metal da provincia de Pontevedra vólvense actualizar. Tras a publicación definitiva do IPC do pasado mes de decembro, as ditas táboas incrementaranse un 3,95 %. Isto é posible grazas á cláusula de garantía salarial sobre o IPC, incorporada na negociación do convenio no ano 2017. O incremento, no caso dun oficial de segunda, supera os 860 euros anuais.

    17/01/2023.
    Actualización das táboas salariais do convenio do metal da provincia de Pontevedra

    Actualización das táboas salariais do convenio do metal da provincia de Pontevedra

    A comisión paritaria ten prevista unha xuntanza o xoves 19 de xaneiro para a sinatura e publicación das novas táboas, de xeito que os salarios sexan actualizados xa na nómina do mes de xaneiro.

    CCOO pon en valor que, desde o asinamento e publicación do último convenio (hai case ano e medio), a suba salarial para os traballadores e traballadoras do sector foi dun 13,3 %. Este incremento supón máis de 2600 euros anuais para un oficial de segunda.

    Porén, CCOO manifesta que a suba «segue a ser insuficiente», xa que a inflación repercute na clase traballadora «e son as empresas as responsables dos aumentos de prezos, onde o 90 % destes incrementos son motivados polos beneficios patronais».

    Constitución da mesa negociadora 

    Este mes está prevista a constitución da nova mesa negociadora do convenio. CCOO agarda que a negociación, amais de lograr un incremento salarial que garanta o poder adquisitivo, «terá que ir tamén vencellada a un avance en materia social, para que o convenio volva ser un referente na provincia».