Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

O Supremo condena un comité da CIG por vulneración dos dereitos sindicais dun delegado de CCOO na empresa Arriva

    A Sala do Social do Tribunal Supremo, nunha sentenza de casación, ratifica a condena aos membros do comité provincial da empresa Arriva na Coruña, todos eles integrantes do sindicato CIG, por vulneración dos dereitos fundamentais dun delegado de Comisións Obreiras. Así mesmo, ratifica a indemnización fixada inicialmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que terán que aboar «conxunta e solidariamente» os condenados, de 2000 euros para o afectado e de 1500 euros para CCOO.

    19/01/2023.
    A Xustiza ratifica a condena a un comité de empresa da CIG por vulnerar os dereitos sindicais dun delegado de CCOO

    A Xustiza ratifica a condena a un comité de empresa da CIG por vulnerar os dereitos sindicais dun delegado de CCOO

    Os feitos remóntanse a setembro do 2019, cando un antigo delegado da CIG pasou a formar parte da candidatura de CCOO nas eleccións sindicais. Como feitos probados constan que este representante sindical chegara a formular denuncia na Inspección de Traballo polos atrancos que o sindicato ao que pertencía poñía para o exercicio do seu labor, como por exemplo non lle facilitar documentación.

    Menos de dous meses despois de celebrarse as eleccións, nas que o denunciante foi o único membro de CCOO elixido, fronte a sete da CIG, esta última organización promoveu unha asemblea de traballadores e traballadoras para revogar non só o representante de Comisións, senón toda a candidatura do sindicato. A única xustificación aludía a un suposto descontento co labor sindical de CCOO.

    O Tribunal Supremo considera que a escasa diferenza entre a data da votación e a da asemblea revogatoria —inferior aos dous meses— non permitiu deixar pasar «un tempo suficiente para evidenciar con claridade unha actuación sindical determinada».

    O Alto Tribunal tamén chama a atención sobre outro feito anómalo relacionado coa propia asemblea, na que participaron «entre 35 e 40 traballadores, cando son 185 traballadores os integrantes do colexio electoral, e a mesma deuse por finalizada sen proceder a votación ningunha». Porén, ao día seguinte, o comité remite «a acta sobre a votación posterior na que figura un número superior de votos ca os que conformaron a asemblea anterior, alcanzando 130».

    Así mesmo, o Supremo censura que a revogación se estendese a toda a candidatura de CCOO, impedíndolles deste xeito aos suplentes substituír a persoa revogada, malia que o artigo 67.4 do Estatuto dos Traballadores «chama a substituír automaticamente os representantes titulares cando, por calquera causa, se producise unha vacante no órgano representativo».

    Tanto o TSXG inicialmente como o Supremo coidan probada a existencia da vulneración dos dereitos sindicais do representante de CCOO revogado, así como os do propio sindicato, de aí a obriga dunha indemnización «non só para a reparación íntegra [do dano], senón, ademais, para contribuír á finalidade de previr o dano» ocasionado.