Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta o falecemento da compañeira Carmen Segurana Bedrina

    A sindicalista de CCOO (Valencia, 1935) participou en Vigo en 1969 na organización do Movemento Democrático de Mulleres. 

    13/02/2023.
    CARMEN SEGURANA BEDRINA. (1935-2023 )

    CARMEN SEGURANA BEDRINA. (1935-2023 )

    "Teño medo de que cos recortes perdamos todo o que conseguimos con anos de loita porque de quen primeiro se prescinde é das mulleres", expresaba nunha entrevista a Faro de Vigo tras serlle confirmado o premio Ernestina Otero. 

    Procedía dunha familia tradicionalmente republicana e comunista, polo que axiña asumiu un compromiso social en Madrid dentro do foro antifranquista que era, nos anos sesenta, o Club de Amigos da UNESCO.

    Durante eses anos contribuíu á formación do sindicato de oficinas e despachos desde o ámbito das CCOO. En 1969 veu para Vigo coa tarefa de formar o Movemento Democrático de Mulleres, ao tempo que entraba a traballar en Censa, onde colabora na organización das Comisións Obreiras. Elixida enlace sindical nas eleccións de 1971, participa na folga desa empresa en 1972 e o seu despedimento foi confirmado coa correspondente sentenza da Maxistratura de Traballo.

    Participou activamente na formación do Movemento Democrático de Mulleres de Vigo e na edición do seu órgano de prensa A muller e a loita, así como na expansión deste movemento por toda Galicia e na organización do congreso da súa fundación, que se celebraría en Santiago durante o tenso contexto político do conflito da Bazán do 10 de marzo de 1972.

    A súa actividade en Comisións Obreiras continuou dentro da Asesoría Xurídica e, durante a transición, na Comisión Xestora da Federación Estatal de Actividades Diversas como membro da Comisión Executiva. En Galicia foi secretaria xeral desa federación, cargo que exerceu varios anos. 

    Ver máis: