Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO rexeita o ERE anunciado pola empresa Ganomagoga Ponteareas

    O Sindicato urxe as Administracións públicas a buscar unha solución para os máis de 200 traballadores do Grupo Ganomagoga.

    09/03/2023.
    TG Ganomagoga S.L.

    TG Ganomagoga S.L.

    Este xoves, 9 de marzo, celebrouse unha nova reunión do comité de empresa de Ganomagoga coa dirección.

    A empresa notificou o inicio, o próximo 16 de marzo, do período de negociación dun ERE (despedimento colectivo de todo o persoal) derivado da situación da empresa, que arrastra meses de falta de traballo e liquidez.

    A maiores, e grazas á solicitude de Comisións Obreiras, o vindeiro mércores, 15 de marzo ás 9:30 en San Lázaro (Santiago de Compostela), terá lugar unha reunión bilateral coa Consellería de Economía, Industria e Innovacion, dirixida por Francisco Conde.

    O Sindicato urxe as Administracións públicas a buscar unha solución para os máis de 200 traballadores do Grupo Ganomagoga.

    Así mesmo, o Sindicato manifesta a súa desconfianza ante a xestión empresarial dunha empresa que chegou a máximos de produtividade durante o 2022. É importante salientar que a empresa rematou o exercicio do ano 2021 con grandes beneficios.

    GRUPO GANOMAGOGA

    Orientado inicialmente ao sector naval, a partir de 1979 diversificou a súa actividade comezando a traballar tanto para a industria do automóbil como para o sector da construción. As enerxías renovables, principalmente a eólica e a biomasa, foron adquirindo maior presenza nos últimos anos, ata converterse na actualidade nunha das principais liñas de negocio.

    En 2019, GRUPO GANOMAGOGA absorbeu a planta de caldeiraría de Wärtsilä Ibérica en Vigo (anteriormente Cedervall), fundando CEDVAL. Conta con instalacións produtivas cunha superficie total superior a 18.000 m², repartidos en catro localizacións: a sede central en Ponteareas, Mos, Vigo e O Porriño.

    Foi beneficiaria dunha axuda do programa do IGAPE Galicia Exporta, cofinanciada pola Comunidade Europea, Programa Operativo FEDER GALICIA 2014-2020, co obxectivo de conseguir un tecido empresarial máis competitivo.

    Comisións Obreiras participará de todas as iniciativas mobilizadoras que se desenvolvan nas vindeiras semanas.

     POLA MALA XESTIÓN

     ESTAMOS NESTA SITUACIÓN