Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

Máis ingresos, máis protección, máis certezas

    CCOO ratifica por unanimidade o acordo da segunda fase da reforma de pensións, coa mellora de ingresos e a redución da fenda de xénero como eixes prioritarios.

    15/03/2023.

    URL | Código para insertar

    Despois da presentación polo secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, e o secretario de Políticas Públicas e Protección Social, Carlos Bravo, das liñas xerais do acordo cuxo borrador se enviou onte tarde a todas as organizacións, o Consello Confederal de Comisións Obreiras ratificou esta mañá o acordo da segunda fase da reforma de pensións, no que as medidas de incremento de ingresos contributivos e a redución da fenda de xénero destacan como eixes de actuación prioritaria.

    Primeira fase

    A primeira fase levouse a cabo en xullo de 2021. Nela revertíanse os recortes impostos sen consenso político e social polo Goberno do Partido Popular, principalmente mediante unha fórmula de revalorización que a limitaba ao 0,25 % anual e un factor de sostibilidade que reducía a pensión inicial das xeracións de traballadores/as máis novos na medida en que evolucionase a esperanza de vida. Naquela primeira etapa da reforma, que contou co acordo das organizacións empresariais, incluíase un primeiro paquete de medidas de reforzo de ingresos baseadas nun compromiso de transferencias do Estado de ata un 2 % do PIB anual e un novo sistema de cotización asentado en ingresos reais para os traballadores autónomos que se concretaron mediante dous acordos tripartitos e a aprobación da Lei 21/2021 e o RD Lei 13/2022. Prevíase, ademais, unha segunda fase de negociación, que debía completar a estrutura de ingresos para garantir o sistema público de pensións, substituíndo a opción de diminución de cobertura e protección daquelas pola de manter a fortaleza da nosa seguridade social, reforzando o seu financiamento. 

    Segunda fase

    Nesta segunda fase culmínanse as medidas de incremento de ingresos de orixe contributiva. Neste sentido, cabe sinalar o incremento progresivo das bases máximas de cotización, que aumentarán ata o ano 2050 un 38 % por riba do que o faga a inflación, achegándonos así ao estándar dos países europeos da nosa contorna, ao elevar os actuais 53.940 euros anuais de base máxima ata os 75.000 en 2050, en euros constantes.

    Garántese tamén o incremento de bases máximas de cotización e todas as pensións, desde as mínimas ata as máximas, co IPC media. É esta unha garantía completa de mantemento do valor real dos elementos centrais da nosa seguridade social, bases de cotización e pensións, que se incorpora por primeira vez na Lei xeral de seguridade social.

    Cotización por ingresos reais

    Avánzase tamén de forma decisiva na cotización por ingresos reais, ao establecer por todas as retribucións que excedan da base máxima en cada momento, tamén de forma progresiva, unha cotización de solidariedade para os salarios que superen a base máxima, e que contribuirán ao sostemento do sistema cun tipo de cotización que oscilará entre o 1 % e o 6 % da parte dos seus salarios que superen a base máxima. Finalmente, revisouse o mecanismo de equidade interxeracional (MEI), levando o tipo progresivamente ata o 1,2 % (1 % a cargo das empresas e 0,2 % a cargo das persoas traballadoras) ata o ano 2050. Todas estas cotizacións, amais de contribuír a reforzar a sostibilidade do sistema público de pensións, teñen un efecto retorno para empresas e persoas traballadoras a través da deducibilidade fiscal en imposto de sociedades e IRPF, contribuíndo con iso a financialas.

    O conxunto de medidas de mellora de ingresos vén acompañado agora, ademais, pola positiva evolución que vén rexistrando a recadación contributiva do sistema de seguridade social, como consecuencia da maior estabilidade no emprego e a mellora de ingresos derivada da reforma laboral e o incremento do salario mínimo interprofesional.

    Fenda de xénero 

    Xunto coas anteriores, as medidas de redución de fenda de xénero concentran o groso de actuacións incorporadas ao acordo. Incluíuse, así, o incremento dos períodos recoñecidos como cotizados a tres anos en caso de reducións de xornada e excedencia por coidado de fillos, menores ou familiares de ata segundo grao. Establécese o incremento da contía do complemento da fenda de xénero nun 10 % adicional ao que o faga a inflación nos dous próximos anos. Mellora a fórmula de integración de lagoas para as mulleres traballadoras, aumentando ata cinco anos os períodos que se computan ao 100 % da base mínima e ata dous anos adicionais os que o fan ao 80 % desa referencia.

    Pola súa banda, a incorporación dunha garantía de suficiencia na contía das pensións mínimas e as pensións non contributivas tamén desprega un evidente efecto de redución da fenda de xénero, xa que dous terzos das persoas titulares destas prestacións son mulleres. Por primeira vez, inclúese unha garantía na Lei xeral da seguridade social para que o limiar de risco de pobreza actúe como base das pensións mínimas contributivas e non contributivas, ademais de incrementarse con carácter xeral todas as pensións mínimas por encima da inflación os próximos catro anos e especialmente a pensión de viuvez con cargas familiares.

    Finalmente, a nova fórmula de período de cálculo tamén supoñerá unha mellora das pensións causadas por quen ten unha carreira de cotización máis precaria e descontinua, un trazo distintivo da fenda de xénero no emprego. Neste caso, acordouse que ata o ano 2040 se garanta o dereito de opción á situación que sexa máis beneficiosa para cada pensionista: calcular a pensión cos últimos 25 anos cotizados ou cos mellores 27 anos cotizados no período dos últimos 29.

    En resumo, complétase unha reforma de pensións mediante tres acordos sucesivos negociados no marco do diálogo social entre 2020 e 2023, plenamente aliñada coas cuartas Recomendacións do Pacto de Toledo aprobadas en novembro de 2020 cun 80 % de apoio parlamentario, que nos sitúa nas condicións necesarias para preservar o sistema de pensións en España ante os retos que ha afrontar, reforzando a súa equidade, o seu financiamento e a súa capacidade de protección.

    Unha reforma profunda asentada en dous piares: máis ingresos e máis protección.