Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Mobilizacións do comité de Navantia-Ferrol en defensa do convenio colectivo

    O comité de empresa de Navantia-Ferrol continúa co calendario de mobilizacións para que a dirección desbloquee a situación «e se poña a negociar o convenio colectivo» cos traballadores e traballadoras dos estaleiros públicos.

    21/03/2023.
    Protesta convocada polo comité de empresa de Navantia (21/3/2023)

    Protesta convocada polo comité de empresa de Navantia (21/3/2023)

    O pasado mércores, 15 de marzo, houbo unha protesta no exterior das instalacións. Hoxe, o comité convocou outra no interior do estaleiro, que incluíu a ocupación do edificio de dirección por parte dos traballadores e as traballadoras.

    Asemade, ás 10:30 celebrábase unha asemblea en que o persoal aprobou o novo calendario de mobilizacións de aquí a finais de abril. Deste xeito, haberá novos paros e protestas os días 23 e 28 de marzo, unha manifestación o 30 de marzo e de novo protestas os días 12 e 13 de abril.

    O presidente do comité de empresa, Emilio García Juanatey, de CCOO-Industria, lamenta que «polo que vemos, a intención da empresa é seguir sen negociar connosco». O sindicalista tamén rexeitou o anuncio de Pedro Sánchez no que prometía 1500 contratos nos vindeiros anos para Navantia. «Foi un acto unilateral do Goberno, que non sabemos a que obedece e que non podemos aceptar», menos aínda cando esta información foi recibida a través dos medios de comunicación. «Non se trasladou nada respecto diso, nin ao comité intercentros nin aos sindicatos», incidiu Juanatey.