Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

A presión de CCOO e UGT forza o Goberno a poñer en marcha a consolidación de 7757 empregos fixos en Correos e a reducir a elevada precariedade na empresa pública

    O labor de mobilización de CCOO e UGT forzou o Goberno de España a poñer en marcha a consolidación de 7757 empregos fixos en Correos e a reducir a elevada precariedade no operador postal público. A folga e a gran mobilización do pasado 1 de xuño obrigaron a Correos a publicar e ampliar a oferta de emprego fixo, que aumentou de 5377 ás xa mencionadas 7757 prazas.

    22/03/2023.
    Concentración diante da oficina principal de Correos en Santiago en maio de 2022

    Concentración diante da oficina principal de Correos en Santiago en maio de 2022

    Con todo, nun primeiro momento, o presidente de Correos, Juan Manuel Serrano, tentou que o 62 % dos postos fosen a tempo parcial (entre semana e fins de semana), incrementando a oferta de postos «con fins electorais e con trampa» —dous parciais para un posto fixo a tempo completo.

    Posteriormente, rebaixou a cifra ao 42 %, «aínda inaceptable para os sindicatos». Ao cabo, a presión de CCOO e UGT conseguiu baixar a dita porcentaxe ata o 30 %, ampliando a oferta de postos a tempo completo. Aínda así, para ambas as organizacións sindicais «segue sendo unha taxa de tempo parcial moi elevada», polo que reclaman a súa redución en próximas convocatorias.

    CCOO e UGT denuncian que, a pesar das convocatorias de emprego dos últimos anos, Correos perdeu uns 8000 postos de traballo desde 2018, pasando dunha media de 55.000 a pouco máis de 47.000. Isto tamén se traduciu na diminución do número de persoas inscritas. Deste xeito, se na anterior convocatoria participaran máis de 166.000 persoas, desta vez son unhas 84.000 —deste total, case 4400 en Galicia.