Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

CCOO participa nun acto a prol dun apeadoiro ferroviario en Valga

    Representantes do sector Ferroviario de CCOO reuníronse o luns con axentes sociais, empresariais e municipais para analizaren conxuntamente o que suporía que Valga contase cun apeadoiro para atender o servizo de viaxeiros, complementado coa instalación de vías para mellorar a competitividade dos tráficos de mercadorías.

    28/03/2023.
    No centro, Antón Conde, coordinador do sector Ferroviario de CCOO

    No centro, Antón Conde, coordinador do sector Ferroviario de CCOO

    Antón Conde, secretario xeral do sector Ferroviario de CCOO, explicou que o proxecto de rede de proximidade sumaría na proxección ferroviaria internacional —costeira e atlántica— cara á liña do Miño, para conectar con trens de longa distancia e AVE.

    A oferta de servizos e transportes complementarios tería «enormes beneficios, xa que facilitaría a mobilidade da poboación e o desenvolvemento, así como a implantación de empresas no territorio», sinalou Conde.

    «Resulta paradoxal que se demanden inxentes recursos económicos para mellorar a comunicación ferroviaria de alta velocidade, mentres o actual trazado da liña convencional, que percorre as marxes de Valga e obvia as empresas, non dispón dunha parada comercial de tren e apartadoiro de mercadorías», apuntou o sindicalista.

    Pola súa parte, o alcalde de Valga informou da moción —aprobada por unanimidade— que apoia a inclusión do municipio na implantación de servizos ferroviarios de proximidade. Tamén se promoverá unha campaña entre a poboación e empresas para recoller sinaturas con esta finalidade. Esta iniciativa transmitiráselles proximamente á Consellaría de Infraestruturas e á Delegación do Goberno en Galicia.