Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Maio 2025.

30 de marzo, Día Internacional das Traballadoras do Fogar

    No Día Internacional das Traballadoras do Fogar, CCOO reivindica o traballo de máis de medio millón de mulleres en España nun sector, o das traballadoras do fogar, invisibilizado, infravalorado e precarizado

    30/03/2023.
    30 de marzo, Día Internacional das Traballadoras do Fogar

    30 de marzo, Día Internacional das Traballadoras do Fogar

    A loita pola dignificación das condicións de traballo destas mulleres foi longa e dura, aínda o está sendo. CCOO coida «fundamental» recoñecer o seu traballo, pero tamén sentir «orgullo» polos logros que se conseguiron nos úlitmos anos, «sen perder de vista que aínda hai moitas carencias que resolver».

    O pasado 9 de xuño de 2022 viviuse unha xornada «histórica» no Congreso dos Deputados, coa ratificación do convenio 189 da OIT tras anos de loita e reivindicación. Un fito que chegou despois, cómpre lembralo, do reproche do Tribunal de Xustiza da Unión Europea polo trato desigual que se viña dispensando a estas traballadoras.

    Posteriormente, o pasado 6 de setembro de 2022, o Goberno de España aprobou un Real decreto lei que CCOO coida positivo, pois incorpora reivindicacións de vello, como o acceso ás prestacións por desemprego, contributivas e asistenciais; a regulación da figura da desistencia —que limita moito as posibilidades para extinguir os contratos sen causa—; a extensión da cobertura do FOGASA, ou a inclusión destas traballadoras na Lei de prevención de riscos laborais.

    No entanto, CCOO lembra que cómpre diálogo para «desenvolver aspectos aínda pendentes» para a plena aplicación do convenio 189, entre eles, o papel da Inspección de Traballo para facer efectiva a total protección destas traballadoras, a regulación do dereito á negociación colectiva ou a plena integración no réxime da Seguridade Social.