Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

1.º de Maio do 2023 - Subir salarios, baixar prezos, repartir beneficios

    Este 1.º de Maio, CCOO e UGT poñemos de relevo as conquistas sociais e laborais que conseguimos mediante o diálogo social e que supoñen gañar dereitos e mellorar a vida das persoas traballadoras. Ademais, manifestamos o noso compromiso de seguir traballando para lograr máis e mellores dereitos.

    25/04/2023.
    1.º de Maio do 2023 - Subir salarios, baixar prezos, repartir beneficios

    1.º de Maio do 2023 - Subir salarios, baixar prezos, repartir beneficios

    Queremos manifestar tamén a nosa solidariedade internacional e o noso compromiso coa paz. Por iso denunciamos a persistencia do conflito bélico orixinado pola invasión ilexítima de Rusia sobre Ucraína en febreiro de 2022. Esta agresión, que os sindicatos rexeitamos categoricamente, significa, en primeiro lugar, un terrible drama humano. Supón, tamén, unha nova fonte de tensións xeopolíticas a escala global, que incide de maneira decisiva no incremento dos prezos como consecuencia das subas da subministración enerxética, os alimentos e as materias primas na Unión Europea. A alza de tipos de xuro polo Banco Central Europeo, a debilitación da demanda, a desestabilización da cadea global de subministracións ou a suba dos prezos da vivenda e o alugueiro contribúen a proxectar incerteza sobre o funcionamento da actividade económica e a renda dispoñible de millóns de fogares en España.

    O EXCESO DE BENEFICIOS EMPRESARIAIS, CAUSA DO AUMENTO DA INFLACIÓN

    Pero a crise da inflación non só a propiciaron os efectos exteriores. En boa parte, a suba dos prezos vén determinada polo exceso de beneficios empresariais. As empresas repercuten o custo das subas dos produtos enerxéticos no prezo final dos bens e servizos, sobre todo nos produtos alimentarios e de primeira necesidade, para manteren as súas marxes de beneficios; así, provocan que os efectos desta crise estean recaendo sobre as maiorías sociais, as traballadoras e os traballadores, e con efectos moi graves nos segmentos máis vulnerables da poboación.

    AS PERSOAS, NO CENTRO DAS POLÍTICAS PÚBLICAS

    A resposta pública para facer fronte á suba dos prezos foi notable pero, aínda así, está mostrando grandes limitacións para facer fronte á deterioración das rendas reais de millóns de persoas; polo tanto, cómpre avaliar as medidas implementadas e os seus efectos reais, para reforzalas e dotalas de eficacia, pois non sempre están tendo as consecuencias desexadas. Como exemplo, as baixadas do ive e o seu efecto case nulo sobre a contención de prezos, ou as dificultades para que as políticas de protección social máis novas cheguen de xeito eficaz a quen más o necesita.

    A SUBA DAS PENSIÓNS, O SMI E AS PRESTACIÓNS POR DESEMPREGO

    Os acordos alcanzados entre o Goberno e os sindicatos UGT e CCOO sobre pensións e salario mínimo supoñen a protección das rendas de aproximadamente 13 millóns de persoas. Mantense o poder adquisitivo de máis de 10 millóns de pensionistas, cun incremento do 8,5 %, unido ao incremento do 8 % do smi para este ano, que acumula xa unha suba do 47 % durante a lexislatura e mellorará a vida de arredor de dous millóns de persoas traballadoras. Que o smi chegue a 15 120 euros anuais supón poñelo na senda da Carta Social Europea, é dicir, no 60 % do salario medio do país. Igualmente, incrementáronse as prestacións por desemprego, tanto contributivas como asistenciais. Este conxunto de medidas contribuíu de forma decidida a loitar contra a pobreza e a desigualdade social, e reduciu a fenda salarial de xénero.

    DESENVOLVER E FORTALECERA NEGOCIACIÓN COLECTIVA E O V AENC

    A inflación, aínda que se modere, vai seguir sendo alta. A subxacente ou estrutural prevese que sexa superior á xeral, o que denota a importancia decisiva que está a ter a imputación de custos, por parte das empresas, aos prezos ao consumo. Por tanto, para os sindicatos, a aposta polos incrementos salariais é a reivindicación central na negociación colectiva. Necesitamos salarios decentes que crezan en parámetros equivalentes á inflación para garantir o poder de compra. Para iso, a cláusula de garantía salarial é imprescindible.

    Son miles os convenios que hai que negociar en 2023 e tentaremos facelo baixo o paraugas do V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva (AENC). Un acordo no ámbito bipartito que debe servir, non só para orientar os incrementos salariais, senón tamén para desenvolver os contidos da reforma laboral do 2021 e abordar os impactos e os retos que supoñen as transicións e tomar medidas que garantan o seu desenvolvemento xusto, previr os impactos no emprego e apostar por un novo modelo económico máis sostible.

    CCOO e UGT imos negociar co obxectivo de conseguir o acordo, pero á vez lanzamos a negociación dos convenios colectivos, coa implicación directa das persoas afectadas e coa necesaria combinación do binomio negociación-mobilización. A negociación non pode demorar sine díe. A actitude dilatoria da CEOE é intolerable. Se non se alcanza un acordo, estarase enterrando unha ferramenta que ten sido moi útil para desenvolver os procesos de negociación colectiva nun país como España, con múltiples unidades de negociación. O curtopracismo e a avaricia patronal poden dar cabo dun instrumento singular no noso país e con poucas referencias similares no contexto europeo.

    SALARIO OU CONFLITO

    A campaña «Salario ou conflito» lanzada durante o 2022 deu bos resultados e debe seguir adiante. Naqueles sectores onde hai organización sindical, cultura negociadora, vínculo da clase traballadora ao convenio, e nos que se fomenta a participación directa das traballadoras e os traballadores nos procesos de negociación e, chegado o caso, de mobilización, os convenios colectivos foron mellores. Mantiveron o poder adquisitivo e sentaron as bases para seguir avanzando na mellora das condicións laborais, revitalizando pola súa vez o papel da negociación colectiva. Temos un reto por diante e imos por el. Se a clase empresarial non senta nas mesas de negociación con propostas realistas, que recuperen o poder de compra dos salarios, recruará o conflito e serán os únicos responsables.

    O EMPREGO, OBXECTIVO SINDICAL

    A reforma laboral acordada a finais de 2021 está contribuíndo de xeito palpable á mellora dos dereitos das persoas traballadoras. Dunha forma relevante en materia de emprego, tanto na súa creación —supéranse os 20 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social— como na súa calidade, poñendo freo á histórica temporalidade abusiva que viña sendo o sinal de identidade do noso mercado de traballo. En só un ano, a temporalidade reduciuse un 7,5 % (segundo datos da epa, pasou do 25,4 ao 17,9 %), a contratación indefinida pasou dunha media mensual de arredor do 10 % a situarse por volta do 46,8 %. Mellora o emprego das persoas máis afectadas pola precariedade, como son a xuventude e as mulleres. A reforma laboral está dando os seus froitos e hai que seguir traballando nesta liña. Para iso, é necesario aumentar de forma considerable os efectivos da Inspección de Traballo, para situala nos niveis das ratios europeas; igualmente, cómpre reforzar os servizos públicos de emprego e as políticas activas para facer fronte ao problema do paro que, aínda que baixou nos últimos anos, segue sumando case tres millóns de persoas que non atopan un emprego e ese mantense como o principal problema do país.

    CONSTRUÍMOS UN FUTURO CON PENSIÓNS GARANTIDAS

    Os acordos de reforma da Seguridade Social veñen a garantir a revalorización das pensións tomando como base a inflación media, e derrógase a reforma do PP que, de facto, limitaba os incrementos das pensións ao 0,25 %. De se manter, sería letal en 2022 e 2023 polas altas taxas de inflación. Pero as reformas pactadas tamén garanten o futuro das pensións a través da achega de ingresos que reforzan a súa suficiencia e sostibilidade. Acometemos o dobre reto da evolución demográfica e a incorporación á xubilación da xeración do baby boom. E facémolo outorgando máis protección e xerando máis certezas ás persoas pensionistas, actuais e futuras. Sen perder nada do carácter contributivo do sistema, reforzamos a súa vertente redistributiva, reducindo a fenda de xénero e reforzando legalmente o papel do Estado como garante financeiro do sistema. Estes acordos, xunto coa reforma laboral, supoñen recuperar e mellorar os dereitos que os gobernos conservadores, con súas políticas de austeridade, eliminaron, tanto para as persoas activas como para as pensionistas.

    O CUSTO DO DESPEDIMENTO EN ESPAÑA

    O asinamento por parte de España en 2021 da Carta Social Europea, que é de obrigado cumprimento, obriga a protexer o emprego. No noso país aínda é demasiado fácil e barato despedir. Temos que avanzar cara a un custo do despedimento suficientemente disuasorio, xusto e adecuado ás circunstancias sociais, vitais e de reempregabilidade das persoas vítimas de decisións inxustas, de acordo coa doutrina do Comité Europeo de Dereitos Sociais.

    ANTE O NOVO CICLO ELECTORAL. NON É O MESMO QUEN GOBERNE

    Estamos en ano electoral, con eleccións municipais e autonómicas en maio, e xerais a partir de novembro. Finaliza un período do primeiro Goberno de coalición progresista da nosa historia recente, cuns resultados moi positivos en materia laboral e social. Fortalecéronse o diálogo e a concertación social como forma de afrontar os cambios que se producen no mercado de traballo e, con iso, as relacións laborais e as políticas sociais. Seis acordos en defensa do emprego para facer fronte á situación inédita que orixinou a covid-19, as subas do smi, a laboralización dos repartidores, a lei do teletraballo, a nova regulación das relacións laborais para quen presta servizos no ámbito do fogar familiar, co recoñecemento do dereito ás prestacións por desemprego; o desenvolvemento regulamentario dos plans de igualdade entre mulleres e homes e o rexistro salarial nas empresas; medidas necesarias para acabar coas desigualdades no mercado de traballo e coa fenda salarial; hai que resaltar as dúas grandes reforma: a reforma laboral e a reforma da Seguridade Social e as medidas sociais e económicas tomadas para afrontar as crises vividas.

    Seguir construíndo nesa dirección depende moito do resultado destes procesos electorais. As persoas traballadoras xogamos o seguir avanzando na mellora da calidade de vida e dos nosos dereitos laborais e sociais, ou poñer en risco todo o conseguido ata agora. Desde CCOO e UGT apostamos por seguir fortalecendo as políticas sociais, os servizos públicos, a mellora da sanidade e o ensino público; polo dereito a unha vivenda digna, cumprindo co mandato constitucional; polas políticas de coidados e de dependencia como un dereito de cidadanía; polo emprego de calidade e pola igualdade efectiva entre mulleres e homes; Para seguir avanzando nos dereitos de todos os colectivos: LGTBI, persoas migrantes ou con discapacidade; por vivir a diversidade e a pluralidade sen ningunha discriminación nin social nin laboral; pola solidariedade e a loita contra a desigualdade e a pobreza. Instamos a cidadanía a participar masivamente nos procesos electorais e a apoiar as propostas de progreso que aposten por afondar na democracia, por reforzar os servizos públicos, a fiscalidade suficiente e progresiva, a igualdade como condición de exercicio da liberdade, os salarios dignos e o emprego de calidade. O risco reaccionario está na sociedade española máis presente ca nunca desde a transición á democracia, e o noso país non pode retroceder.

    Temos que seguir avanzando en dereitos, liberdades e dignidade para que as maiorías sociais vivamos mellor.

    MOBILIZACIÓNS

    — A Coruña, ás 12 horas, con saída da praza da Palloza

    — Ferrol, ás 12 horas, con saída na praza do Inferniño

    — Santiago de Compostela, ás 12 horas, con saída da Alameda

    — Viveiro, ás 11:45 horas, con saída da rúa de García Dóriga (convoca só CCOO)

    — Lugo, concentración ás 12 horas na praciña da calella do Hospital (convoca só CCOO)

    — Ourense, ás 12 horas, con saída do pavillón dos Remedios

    — Vilagarcía de Arousa, ás 12:30, con saída e remate na praza de Ravella

    — Pontevedra, ás 11 horas, con saída da Pasantería (convoca só CCOO)

    — Vigo (acto central), ás 11:30 horas, con saída do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz

    Documentación asociada
    Documentación asociada