Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Maio 2025.

CCOO e UGT mobilizaranse o Primeiro de Maio baixo o lema «Subir salarios, baixar prezos, repartir beneficios»

    CCOO e UGT mobilizaranse o Primeiro de Maio por toda Galicia baixo o lema «Subir salarios, baixar prezos, repartir beneficios». A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, que presentou esta mañá as accións conxuntas canda o secretario xeral da UGT, José Antonio Gómez, foi contundente á hora de enviarlle unha mensaxe á patronal: «cómpre subir os salarios, porque a situación é inasumible para milleiros de familias». Neste sentido, instou a CEOE a chegar a un acordo sobre o acordo de negociación colectiva (AENC), «algo que se fai agora máis urxente, se cabe, cos datos da pobreza que se acaban de facer públicos».

    25/04/2023.
    Amelia Pérez (CCOO) xunta José Antonio Gómez (UGT), na presentación das mobilizacións do Primeiro de Maio

    Amelia Pérez (CCOO) xunta José Antonio Gómez (UGT), na presentación das mobilizacións do Primeiro de Maio

    A secretaria xeral de CCOO tamén apuntou que, malia a moderación experimentada pola inflación, «a cesta da compra segue subindo sen parar», polo que instou a actuar sobre os beneficios empresariais. «Non pode ser que as empresas sigan trasladando os custos á clase traballadora; a repartición dos beneficios e dos custos ten que ser equitativa», afirmou.

    A resposta pública para facer fronte á suba dos prezos foi «notable», apuntou a sindicalista. Con todo, «está amosando grandes limitacións para facer fronte á deterioración das rendas reais» de milleiros de persoas, como se puxo de manifesto coas rebaixas do IVE.

    De cara a este Primeiro de Maio, CCOO e UGT tamén poñen en valor a «arquitectura de protección social» conseguida grazas ao diálogo social estatal, como é o caso da suba do salario mínimo, da reforma laboral ou da reforma das pensións, «pois supoñen gañar dereitos e mellorar a vida das persoas traballadoras», recalcou Amelia Pérez.

    Pola súa parte, o secretario xeral da UGT advertiu que, se a patronal teima en seguir fóra das mesas de negociación para abordar estas necesidades, «haberá conflito», e incidiu en que «é de xustiza» actuar sobre os beneficios empresariais e subir os salarios da clase traballadora.

    José Antonio Gómez tamén lembrou que no ámbito do diálogo social estatal quedan pendentes de negociar outras cuestións, como as indemnizacións por despedimento, que «han ser xustas, consonte a Carta Social Europea». Neste sentido, mostrouse convencido de que a Xustiza europea «daranos a razón» en caso de que non haxa un acordo.

    MOBILIZACIÓNS

    — A Coruña, ás 12 horas, con saída da praza da Palloza

    — Ferrol, ás 12 horas, con saída na praza do Inferniño

    — Santiago de Compostela, ás 12 horas, con saída da Alameda

    — Viveiro, ás 11:45 horas, con saída da rúa de García Dóriga (convoca só CCOO)

    — Lugo, concentración ás 12 horas na praciña da calella do Hospital (convoca só CCOO)

    — Ourense, ás 12 horas, con saída do Pavillón dos Remedios

    — Vilagarcía de Arousa, ás 12:30, con saída e remate na praza de Ravella

    — Pontevedra, ás 11 horas, con saída da Pasantería (convoca só CCOO)

    — Vigo (acto central), ás 11:30 horas, con saída do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz