Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

CCOO constata unha «infradeclaración de enfermidades profesionais» en Galicia durante o ano 2022

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) constata unha «infradeclaración de enfermidades profesionais» na comunidade autónoma galega durante o ano 2022. Así o recolle o sindicato nun estudo que fixo público este venres, 28 de abril, cadrando co Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo. O secretario de Saúde Laboral de CCOO, Armando Iglesias, sinalou que en toda España houbo máis dun millón de sinistros laborais en 2022 e máis de oitocentas mortes.

    28/04/2023.
    Armando Iglesias, secretario de Saúde Laboral de CCOO

    Armando Iglesias, secretario de Saúde Laboral de CCOO

    Do total de mortes laborais, 67 foron en Galicia, o que a converte na quinta comunidade autónoma con máis falecementos no traballo. Non obstante, Iglesias sinalou que o elevado número de mortes en Galicia está «distorsionado» polo naufraxio do Villa de Pitanxo, con 21 falecidos.

    No 2022, coma no ano anterior, a pesca foi o sector de actividade co maior índice de incidencia de accidentes mortais, o 143,88 %, se ben este ano moi empeorado polo xa mencionado naufraxio. O segundo posto ocupouno a construción e o terceiro, a industria. Por debaixo da media só están o sector dos servizos e o da agricultura.

    Durante 2022 declaráronse máis de 20.510 enfermidades profesionais, das cales case 1300 en Galicia, un (6,3 %). Para CCOO, tanto os accidentes no traballo —especialmente aqueles con resultado de morte— como as enfermidades profesionais amosan cifras «inaceptables» para unha sociedade como a nosa, e chama a porlles freo «decontado».

    Para CCOO, o 28 de abril debe ser tamén un día de recoñecemento ás persoas expostas nos seus postos de traballo a elementos nocivos para a saúde, como a sílice cristalina —causante de silicose e cancro de pulmón, entre outras doenzas— ou o amianto —causante da asbestose e diferentes cancros—.