Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

Folga indefinida en Urbaser-Santiago a partir do 15 de maio

    O comité de empresa de Urbaser en Santiago convoca folga indefinida a partir do vindeiro 15 de maio, ás portas das festas patronais na capital galega. A decisión débese aos «graves» incumprimentos da concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida do lixo, polo que o persoal deberá volver ás rúas santiaguesas para facer valer os seus dereitos laborais.

    03/05/2023.
    Conferencia de prensa do comité de empresa de Urbaser-Santiago para anunciar a folga

    Conferencia de prensa do comité de empresa de Urbaser-Santiago para anunciar a folga

    Desde o asinamento do convenio colectivo —xullo do 2022— e, «especialmente» desde que Urbaser renovou o contrato que a vincula ao Concello de Santiago, a dirección «abusa da súa autoridade e incumpre o convenio e os acordos establecidos no centro de traballo», denuncia a representación legal.

    A eliminación da bolsa de traballo, o incumprimento das rotacións de persoal, a orde de condución, a non convocatoria de prazas de persoal condutor, a falta de equidade nas vacacións, o traballo na quenda de noite os días 24 e 31 de decembro ou os problemas de conciliación laboral e familiar son as principais vulneracións alegadas polo comité.

    Desde o inicio do novo contrato, Urbaser tamén está facendo cambios no servizo que empeoran as condicións laborais, como subcontratacións do servizo, eliminación dos servizos das noites dos sábados e os domingos polo día ou a encarga de servizos ordinarios a Selursa —un servizo urxente que funciona as 24 horas—, deixando o traballo deste último equipo desatendido.

    A todo isto cómpre engadir as propias condicións do centro de traballo, con vestiarios que presentan todo tipo de problemas, sucidade, falta de auga quente e equipamentos avariados.