Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

O Xulgado do Social declara válidas as eleccións sindicais en Conservas del Noroeste, S. A. (CONNORSA) e considera inaceptable a intervención da empresa no proceso electoral

    O laudo arbitral foi recorrido pola candidatura independente, coa colaboración da empresa, ante o Xulgado do Social

    05/05/2023.
    Sede de Conservas del Noroeste S.A.

    Sede de Conservas del Noroeste S.A.

    Conservas del Noroeste S. A. (CONNORSA), radicada en Vilaboa, é a décima empresa conserveira de España por volume de facturación. CCOO convocou eleccións sindicais para a elixir un comité de empresa de nove membros, despois dun período sen que existese representación unitaria dos traballadores e traballadoras.

    Dende o primeiro momento, o proceso electoral viuse obstaculizado pola intervención da dirección da empresa, ata o punto de promover a presentación de candidaturas «independentes» no colexio de técnicos, no que correspondía elixir dous representantes, e no colexio de especialistas, no que se elixían sete representantes.

     As candidaturas «independentes» foron presentadas sen cumprir os requisitos legais, polo que CCOO impugnou o proceso electoral, e o laudo arbitral deulle a razón ao sindicato anulando esas candidaturas.

    Unha vez celebradas as votacións, foron elixidos sete representantes de CCOO polo colexio de especialistas; non se presentou candidatura no colexio de técnicos.

    O laudo arbitral foi recorrido pola candidatura independente, coa colaboración da empresa, ante o Xulgado do Social, que ditou sentenza firme sen posible recurso, polo que declara válidas as eleccións celebradas e os sete delegados/as de CCOO.

    A sentenza considera que a intervención da empresa no proceso electoral, a través do responsable de Recursos Humanos, José Iglesias Blanco, resulta inaceptable por ser unha inxerencia no proceso electoral que pretendía condicionar o resultado das votacións para conseguir un comité de empresa afín aos intereses empresariais.

    CCOO condena estas prácticas da empresa, contrarias á mais elemental liberdade sindical e que perseguen o incumprimento das condicións establecidas no convenio colectivo do sector. Así mesmo, aplaudimos esta sentenza que permitirá a CCOO e ao comité de empresa elixido defender os dereitos laborais nunha das empresas máis importantes da comarca de Pontevedra.