Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Maio 2024.

Declaración do SN de CCOO de Galicia polo Día das Letras Galegas

    17/05/2023.
    17 de maio, Día das Letras Galegas

    17 de maio, Día das Letras Galegas

    O 17 de Maio, Día das Letras Galegas, volve estar dedicado a unha figura imprescindible do galeguismo histórico, nesta ocasión o escritor, xornalista, historiador e editor Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010). A súa ampla traxectoria marcou decisivamente varias xeracións, polo que a débeda do pobo galego vai alén de dedicarlle unha data de homenaxe. Grazas a persoas como Del Riego, a conciencia de país mantívose viva durante nos períodos máis sanguinarios da ditadura. E grazas ao traballo colectivo guiado por personalidades coma el, Galicia referendou hai 45 anos o seu status de nacionalidade histórica e, con iso, unha vía propia para acceder ao seu autogoberno.

    O 17 de Maio, Día das Letras Galegas, volve estar dedicado a unha figura imprescindible do galeguismo histórico, nesta ocasión o escritor, xornalista, historiador e editor Francisco Fernández del Riego.

    Deste autogoberno naceron froitos como a Lei de normalización lingüística, que dentro dun mes fai 40 anos. Unha conquista histórica para o noso pobo, como histórica e case inédita foi a unidade parlamentaria que a fixo posible.

    Desde as lóxicas e lexítimas diferenzas ideolóxicas, a defensa da lingua galega mantívose, durante décadas, como unha das escasas pontes de concordia institucional en Galicia. Sen dúbida, un espírito que se debe ao labor realizado por persoeiros como Fernández del Riego e ao seu empeño de que o galego fose patrimonio de toda a sociedade e que a toda ela lle competa a súa defensa.

    Hai anos, Del Riego comezaba un artigo afirmando que «Galicia vive porque ten unha aspiración e unha obra de vida», certeira frase en que nos vemos reflectidas nitidamente todas as persoas e organizacións que, como as Comisións Obreiras, nos declaramos galeguistas e comprometidas con este país.

    Porque se en xuño está de aniversario a Lei de normalización, tamén o está a nosa organización, neste caso o 45.º aniversario do Congreso constituínte do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia. Deste conclave saíron os nosos primeiros estatutos, que serían modificados en varias ocasións ao longo das décadas, pero que sempre mantiveron invariable na súa redacción o artigo que certifica que «o galego é o idioma oficial do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia».

    Este mes son os comicios locais, a finais de ano serán os xerais e o vindeiro 2024, as eleccións ao Parlamento de Galicia. Estamos, polo tanto, ante un ciclo electoral da máxima transcendencia. Desde a lexitimidade que nos dá sermos unha das principais e tamén máis antigas organizacións sociais galegas, facemos un chamamento a todas as forzas políticas para recuperaren o espírito do gran consenso ao redor do idioma que nunca se debeu perder.

    Desde CCOO coidamos que é a nosa obriga reivindicar que o galego sexa elemento de concordia e unidade nas campañas electorais, e rexeitamos de raíz os discursos intolerantes, discriminatorios e o uso da nosa lingua como arma arreboladiza na confrontación partidaria. Por iso concluímos, rememorando as palabras do propio homenaxeado, que «a cultura non se pode politizar sectariamente, perténcelle ao país, que se interpreta a través dela».

    Santiago de Compostela

    17 de Maio de 2023