Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Maio 2024.

Os datos de contratación do primeiro cuadrimestre constatan a diminución da temporalidade grazas á reforma laboral

    Os datos de contratación dos catro primeiros meses do ano constatan a diminución da temporalidade no mercado de traballo en Galicia, salienta Comisións Obreiras (CCOO), que caeu dous puntos e medio no último ano. Así o expón o sindicato nun informe en que analiza a evolución do emprego no primeiro cuadrimestre do 2023, atendendo á evolución de dúas variables: a contratación e a afiliación á seguridade social.

    24/05/2023.
    Contratación indefinida e temporal inicial. Elaboración propia sobre datos da Estatística de Contratos. SEPE. Abril de cada ano

    Contratación indefinida e temporal inicial. Elaboración propia sobre datos da Estatística de Contratos. SEPE. Abril de cada ano

    O documento toma como referencia o mesmo período do ano 2022, que foron os primeiros meses de aplicación da reforma laboral, «e así comprobamos, tamén, os seus efectos no mercado de traballo un ano despois», apunta Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO.

    Os datos analizados permiten concluír que a contratación indefinida inicial crece e a temporal cae, «poñendo freo ao abuso da temporalidade que se deu ata 2022», resume Bouza. A contratación temporal pasa de supoñer o 67,42 % do total ao 64,95 % no último ano, unha redución do -2,47 %.

    Analizando as cifras de persoas afiliadas ao réxime xeral da Seguridade Social, compróbase un aumento entre abril do 2022 e o mesmo mes do 2023. O incrementou centrouse só na modalidade indefinida (76 357 persoas afiliadas máis), pois a temporal reduciuse un -35,34 % (isto é, -60 854 persoas).

    Con todo, a secretaria de Emprego de CCOO apunta que «persiste un nesgo de xénero no mercado de traballo galego», pois malia que tanto homes coma mulleres ven melloras canto á estabilidade ou contratación a xornada completa, «elas fano sempre a un ritmo inferior» ao dos homes. «As melloras non lles afectan do mesmo xeito porque o punto de partida é diferente», aclara Bouza.