Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 11 Maio 2025.

CCOO denuncia represión sindical nunha residencia de Lugo

    CCOO de Lugo denuncia o despedimento dunha traballadora do centro de maiores Serge Guntín. Segundo o sindicato, a medida tomouse despois de que a empregada denunciara ante a Consellaría de Política Social a «precariedade» das condicións laborais, así como o «desleixo» da empresa canto ás persoas usuarias da residencia.

    01/06/2023.

    Na denuncia presentada, ponse de manifesto que a empresa incumpre a normativa de requisitos específicos en materia de persoal esixido, pois o máximo de persoal de atención directa por quenda é de seis, mentres que nas fins de semana hai dúas xerocultoras para todo o centro, o que implica que cheguen a ter vinte persoas usuarias a cargo cada unha delas.

    Canda a denuncia presentáronse tamén as carteleiras do persoal, onde fica reflectida a insuficiencia de traballadoras de atención directa. Esta carencia «repercute gravemente en numerosos aspectos», como a administración das medicacións, cambios posturais insuficientes ou que as persoas usuarios sexan aseadas e vestidas de madrugada para que as traballadoras teñan tempo de facer as tarefas.

    «Máis grave aínda é a inexistencia de persoal de enfermería no centro», apunta CCOO. Deste xeito, ante calquera emerxencia, as traballadoras deben acudiro ao 061 ou ao PAC da localidade.

    «Todo isto foi comprobado polo servizo de inspección de Política Social», apunta o sindicato. A resposta da Consellaría foi que se constatan «irregularidades no cumprimento da normativa aplicable e requírese o centro para emendar estas deficiencias, así como o inicio das actuacións oportunas conducentes ao cumprimento da normativa de referencia».

    CCOO ve nisto unha vulneración da liberdade sindical, pois as «represalias foron continuas» desde que as traballadoras comezaron a reivindicar a aplicación do convenio.

    Por último, CCOO esíxelle á Consellaría que «deixe de mirar para outro lado» e «extreme a vixilancia ante as malas prácticas» empresariais.