Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

CCOO reclama un convenio digno para o sector de limpeza Ourense

    O salario bruto anual dunha limpadora é de 14133,7 euros; o SMI son 15120 euros, polo que está 986,3 euros por debaixo deste en computo anual.

    18/06/2023.
    Concentración persoal sector limpeza Ourense

    Concentración persoal sector limpeza Ourense

    Os sindicatos CCOO, CIG e UGT reclamaron na mañá deste venres, 16 de xuño, diante das oficinas de Eulen, un convenio digno para o sector da limpeza, que probablemente é o máis precario en Ourense, amais de estar feminizado e ter un gran número de contratos parciais.

    Antonio Pérez Jácome, de CCOO do Hábitat, alertou de que o salario bruto anual dunha limpadora é de 14.133,7 euros anuais; o SMI son 15.120 euros, polo que está 986,3 euros por debaixo deste en computo anual. É o sector con  máis empregadas a tempo parcial, con xornadas que non chegan a unha hora diaria e traballadoras con ata catro empresas diferentes para facer unha xornada que non supera o 80 % do total. 

    En moitas ocasións, trátase de licitacións públicas que non cumpren os pregos. Todo este incumprimento é a conta de non suplir xubilacións, baixas e vacacións, e un longo etcétera que repercute nas cargas de traballo e, en consecuencia, na saúde, xa que se aumentaron ata límites inasumibles os cocientes de limpeza de todas as Administracións, o cal se traduce tamén nun peor servizo á cidadanía. O grave é que os contribuíntes pagan polo servizo cada vez máis, polo que reclamamos ás Administracións, ao sector publico, que vixíe o cumprimento de todas as condicións ao cen por cento, xa que eles cobran o cen por cento. «Os beneficios das empresa están a aumentar, estanse lucrando co noso traballo e cos impostos de á cidadanía ourensá». 

    A proposta sindical é que polo menos cumpran co SMI, e o que ofrece a patronal é unha vixencia de tres anos con suba do 1,5 % para cada ano e en 2022 eliminar o complemento de transporte e crear un novo complemento convenio de 540 euros anuais. Con estas subas non se chega ao SMI.

    O que se pretende é asinar en 2022 co SMI e os restantes anos asinar como se fixo en Madrid, tanto pola parte social como pola parte empresarial, unha modernización do convenio, dar un salto de calidade nas condicións laborais. 

    «É moi triste que, despois de poñermos en risco as nosas vidas e as das nosas familias durante a pandemia, vindo limpar con moito orgullo porque sabiamos que grazas ás nosas mans e arriscándonos en primeirísima liña, salvábanse moitas vidas. Fixemos que funcionaran hospitais, centros de saúde, fabricas de alimentación, portais de comunidades, oficinas publicas e privadas... e así nolo pagan as nosas empresas, denigrando cada vez máis as nosas condicións, malia sermos o sector máis esencial», manifestaba unha traballadora do sector.

    Por todo iso, hoxe pediuse tanto á patronal ourensá como á estatal, e á súa vez por corresponsabilidade ao Goberno e aos concellos, que escoiten e senten a negociar un convenio digno para este sector, «porque se non temos dignidade, teremos conflitividade», afirmou Antonio Pérez.