Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Maio 2024.

CCOO celebra en Galicia un «café con orgullo» e chama a «non dar un paso atrás» nos dereitos LGTBI+ conquistados

    O Sindicato Nacional de CCOO celebrou este mércores, Día Internacional do Orgullo LGTBI+, un «café con orgullo» ao que acudiron delegadas e delegados sindicais de distintos puntos de Galicia. O acto tivo lugar nun contexto marcado por dúas circunstancias do máis diverso: dunha banda, cúmprense este 2023 os 45 anos desde que a homosexualidade deixou de ser considerada un delito en España; doutra, nas próximas eleccións xerais, nas que existe o risco de que se produzan retrocesos nos dereitos do colectivo, como xa se está a ver nas comunidades autónomas e localidades onde a extrema dereita condiciona os gobernos.

    28/06/2023.
    Á esquerda, Mamen Sabio, secretaria de Muller, Igualdade e Políticas LGTBI+ de CCOO; ao seu carón, Rebeca Pérez, técnica do Gabinete de Igualdade de CCOO

    Á esquerda, Mamen Sabio, secretaria de Muller, Igualdade e Políticas LGTBI+ de CCOO; ao seu carón, Rebeca Pérez, técnica do Gabinete de Igualdade de CCOO

    A secretaria de Muller, Igualdade e Políticas LGTBI+ de CCOO de Galicia, Mamen Sabio, fixo un chamamento como sociedade a «mirar ben o que facemos porque non podemos dar un paso atrás» no que atangue aos dereitos conquistados por este colectivo. Por exemplo, a chamada lei Zerolo, aprobada hai case un ano e que representou «un revulsivo importante na materialización dos dereitos das persoas LGTBI+».

    Mamen Sabio subliñou tamén o «papel importantísimo» de CCOO para a consecución de dereitos das persoas LGTBI+, en especial no ámbito laboral. Precisamente, a sindicalista destacou que o traballo é un espazo onde as persoas desenvolven boa parte da súa vida, razón pola que avogou por centros seguros onde se poida «ir ao traballo sen armarios», exemplificou.

    Alén de salientar a importancia dos cambios legais, CCOO considera que «non abonda»: para que as leis sexan eficaces cómpre aplicalas, levalas a efecto, o que se traduce en coñecelas, telas presentes na actividade laboral diaria para poder facer fronte a actitudes, accións, comportamentos LGTBIfóbicos, de forma que non teñan cabida en ningunha esfera da vida. Por esta razón, no manifesto feito público este ano polo Día do Orgullo, o sindicato insta a pasar «das leis á realidade».