Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Maio 2025.

Ante as declaracións de Feijóo sobre a reforma laboral

Os beneficios da reforma laboral son incuestionables

    CCOO valora as declaracións e a rectificación de postura do presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, cando afirma que, se chegar a ser presidente do Goberno, respectará o acordo sobre a reforma laboral alcanzado polas organizacións empresariais, os sindicatos e o Goberno de coalición, e que entende ademais que se trata dunha boa reforma laboral. 

    01/07/2023.
    Os beneficios da reforma laboral

    Os beneficios da reforma laboral

    Os datos sobre a evolución do emprego e a evolución económica xeral só permiten considerar os efectos da reforma laboral como especialmente positivos:

    • En maio, volveuse rexistrar un novo máximo histórico de persoas ocupadas no noso país, máis de 20,8 millóns.
    • O paro descendeu ata niveis descoñecidos desde 2008.
    • Desde decembro de 2021 xeráronse máis de tres millóns de postos de traballo indefinidos, un 27,4 % máis ca daquela. 
    • O crecemento económico anual (PIB) no primeiro trimestre do 2023 foi do 4,2 %.
    • O IPC adiantado para o mes de xuño, publicado onte polo INE, sitúa a inflación anual nun 1,9 %.
    • A prima de risco sitúase nos 100 puntos básicos.

    Os datos son incuestionables e non permiten interpretación negativa ningunha sobre a reforma laboral. Tamén deben ter en conta os seus efectos beneficiosos o BNG e a CIG que, por estratexia partidista, aínda non foron capaces de recoñecer a importancia dunha reforma alcanzada co consenso das organizacións empresariais e sindicais, o que permite que melloren as condicións laborais dos colectivos máis desfavorecidos e precarizados da sociedade.

    En calquera caso, dende CCOO valoramos a rectificación que estas declaracións de Feijóo supoñen respecto á votación en contra da reforma laboral que realizou o Partido Popular. Con todo, para dar credibilidade a esta afirmación, o PP debería retirar o recurso de amparo parlamentario que presentou ante o Tribunal Constitucional contra a aprobación da reforma laboral no Congreso.

    Así mesmo, CCOO consideramos que o Partido Popular debe retirar a proposta de introducir un novo sistema que elimina as indemnizacións por despedimento, facéndoo libre e gratuíto, baseado en contas individuais das persoas traballadoras –o denominado sistema da «mochila austríaca»– que supón un ataque frontal aos principios e obxectivos fundamentais da reforma laboral pois, ademais de facer o despedimento gratuíto e acausal, elimina a contratación indefinida e a virtualidade dos ERTE ou o mecanismo REDE, por citar tres dos elementos pactados na reforma laboral. 

    Finalmente, exhortamos as organizacións políticas e sindicais que, así como xa non se discute o beneficio da reforma laboral, apoien outros temas relevantes nos que se alcanzaron acordos no diálogo social, como son a reforma das pensións ou a suba do salario mínimo interprofesional. Só así se poderá avanzar en novas conquistas sociais, xa que pretender modificar o xa aprobado e que funciona ben limita a capacidade de negociación dos axentes sociais.