Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Maio 2025.

Axuda para mellora da eficiencia enerxética en vivendas

    O último número do CCOO Informa resume as características, requisitos e prazo de presentación para optar á xuda para mellora da eficiencia enerxética en vivendas.

    04/07/2023.
    A axuda é para obras que melloren a eficiencia enerxética | Foto: Pixabay

    A axuda é para obras que melloren a eficiencia enerxética | Foto: Pixabay

    Poden solicitar a axuda as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas (mediante o correspondente acordo).As vivendas para as que se solicite financiamento deste programa teñen que constituír o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias no momento de solicitar a axuda.Así mesmo, as vivendas deberán ter unha referencia catastral diferenciada, de xeito que non se poderá conceder máis dunha axuda por vivenda a unha mesma referencia catastral.

    Entre as actuacións subvencionables están as que consigan unha redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de, polo menos, o 7 % ou unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de, polo menos, un 30 %.

    Tamén se subvencionarán obras de modificación ou substitución de elementos construtivos da envolvente térmica para adecuar as súas características aos valores límite de transmitancia térmica e de permeabilidade ao aire, cando proceda,establecidos nas táboas 3.1.1.a-HE1 e 3.1.3.a-HE1, do Documento básico DB HE de aforro de enerxía do Código técnico da edificación.Non serán subvencionables os investimentos en xeradores térmicos que utilicen combustible de orixe fósil.

    Contía

    O importe da subvención será do 40 % do custo das actuacións, cun límite de 3000 euros por vivenda. No importe obxecto de subvención poderán incluírse os honorarios dos profesionais intervenientes, o custo da redacción dos proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.

    Non se consideran custos subvencionables os correspondentes a licenzas, taxas, impostosou tributos. Non obstante, o IVE poderá ser considerado elixible sempre e cando non poida ser susceptible de recuperación ou compensación total ou parcial.O custo mínimo da actuación terá que ser igual ou superior a 1000 euros por vivenda.

    Prazo de presentación de solicitudes

    O prazo de presentación de solicitudes destas axudas estará aberto desde o 16 de xuño de 2023 ata o 2 de outubro de 2023 e, en todo caso, cando se esgote o crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.