Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 11 Maio 2025.

CCOO entra con forza na representación sindical do Concello de Poio

    Por primeira vez, CCOO obtén delegados/as no Concello de Poio e queda a catro votos de gañar as eleccións sindicais.

    07/07/2023.
    Sede Concello de Poio

    Sede Concello de Poio

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO consegue representación no Concello de Poio por primeira vez na historia recente, e confírmase como a organización sindical e social máis representativa no ámbito local na comarca de Pontevedra e Deza.

    Nas eleccións sindicais celebradas onte, CCOO consegue dous delegados/as, a CIG outros dous e CSIF, un. CCOO quedou a catro votos de gañar as eleccións, xa que contou con 19 votos polos 22 da CIG e 10 do CSIF. O CSIF foi o que perdeu a hexemonía que viña tendo nos últimos anos, baixando de tres delegados/as a un, e desta maneira deixa de ser o sindicato que, en solitario ou con maioría absoluta, viña representado o persoal funcionario do Concello de Poio desde hai moitos anos.

    Ademais da entrada de CCOO no Concello de Poio, que completa a importante representación sindical en todos os concellos do fondo da ría de Pontevedra –Sanxenxo (50 % dos votos, con catro candidaturas), Poio, Marín e Pontevedra–, o Sindicato Comarcal da Federación de Servizos á Cidadanía de Pontevedra é nestes momentos a referencia sindical e social na práctica totalidade dos concellos da comarca de Pontevedra e Deza, xunto coa maioría absoluta na xunta de persoal da Deputación de Pontevedra, onde ten 11 dos 21 delegados e delegadas que se elixían (52,38 %), seguida da UGT con sete e da CIG con tres.

    Estes resultados supoñen a consolidación do sindicalismo de clase na Administración local da comarca de Pontevedra e Deza, fronte ao sindicalismo de partido e corporativo; ademais, referendan o «excelente» traballo realizado por CCOO, que lles agradece aos traballadores e traballadoras o «apoio» á candidatura presentada que, polo tanto, asumirá un papel determinante na negociación e acción sindical no Concello de Poio.