Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

CCOO non asinou por primeira vez na historia recente o Convenio Colectivo do Metal da Provincia de Pontevedra

    A afiliación de CCOO entendeu que non eran suficientes os beneficios laborais do acordo asinado pola UGT e a CIG.

    05/08/2023.
    Acordo asinado pola UGT e CIG

    Acordo asinado pola UGT e CIG

    O resultado da votación entre a afiliación a CCOO foi:

    ❌ NON => 59 %

    ✅ SI => 41 %

    Para a maioría da afiliación, as melloras do Convenio Colectivo do Metal da Provincia de Pontevedra (2023-2025) non son suficientes para os intereses dos traballadores e traballadoras do sector. 

    Recolle incrementos que representan un total do 9 % (3 % cada un dos tres anos de vixencia), con ata un máximo de 2 % adicional anual se o IPC estiver por encima da suba acordada.

    Os atrasos desde o 01/01/2023 poderanse pagar ata o 31 de outubro de 2023.

    Xornada laboral anual: redución de 16 horas (8 en 2024 e outras 8 en 2025), cun día adicional de vacacións (sumando un total de 23 días hábiles).

    Increméntanse os importes do seguro colectivo: accidente laboral ou común ou enfermidade profesional con resultado de morte: 26.000 € (ata o de agora eran 24.000); accidente laboral ou común ou enfermidade profesional con resultado de invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez: 30.000 € (ata o de agora eran 28.000).

    Regúlase o contrato formativo, cun limiar salarial do SMI para os contratos para a obtención da práctica profesional, e do SMI 10 % no segundo ano para os de formación en alternancia ou FP dual (en todo caso, en proporción ao tempo de traballo efectivo).

    Vixencia do convenio: tres anos, do 01/01/2023 ao 31/12/2025.

    As subidas de marxes empresariais

    O recentemente publicado Observatorio de Marxes Empresariais mostraba que as marxes obtidas polas empresas se atopan en máximos históricos, tanto en termos absolutos como relativos, e como foron as empresas e sectores con maior poder de mercado os que máis dispararon as súas marxes á conta de trasladar con fartura a subida dos seus custos aos seus clientes e de aumentar a parte do valor engadido xerado que queda en detrimento dos salarios. 

    O convenio non recupera o poder adquisitivo dos salarios do sector do metal

    En 2023, cos datos ata xuño, rexistráronse xa 2707 convenios colectivos con efectos económicos, que cobren a 8,3 millóns de traballadores (o 70 % da poboación cuberta con negociación colectiva) e cunha suba salarial inicial pactada do 3,26 % para 2023, superior ao IPC interanual en xuño, pero aínda por baixo das previsións de suba media da inflación para este ano (4 %) e da inflación media no que levamos de 2023 (4,1 %).

    CCOO seguirá traballando e loitando por unhas condicións xustas, dignas e sen discriminacións no sector do metal da provincia de Pontevedra. O primeiro paso serÁ conseguir que todas as persoas afectadas polo convenio asinado perciban os atrasos antes do 31/10/2023.

    CCOO pon en valor a unidade sindical e respecta a decisión tomada pola UGT e CIG tras as consultas coa súa afiliación.