Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 11 Maio 2025.

A calor, un risco laboral que cómpre previr

    A calor é un risco laboral recoñecido, especialmente en procesos industriais que xeran elevadas temperaturas ou en traballos ao aire libre como a agricultura ou a construción, entre outros sectores. Froito do quecemento global ligado ao cambio climático, cada vez son máis intensos e prolongados os episodios de altas temperaturas ou de calor extrema, polo que as medidas de prevención deben aplicarse en case calquera actividade —incluso onde ata agora non se consideraba necesario, como o traballo en interior.

    11/08/2023.
    A calor é un risco laboral que cómpre previr

    A calor é un risco laboral que cómpre previr

    O RD 486/1997, de 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo, determina límites de temperatura para determinadas actividades en locais pechados de ata 27 ºC onde se fagan traballos sedentarios propios de oficinas ou similares, e ata 25 ºC onde se fagan traballos lixeiros.

    Porén, non fixa límites para traballos intensos en locais pechados ou no traballo ao aire libre, polo que CCOO leva tempo reclamando unha normativa ao respecto e xa asinou diversos acordos sectoriais —como no caso da construción ou da agricultura— para facer fronte ao risco das altas temperaturas.

    Decálogo

    1. Identificar os postos de traballo con risco de exposición ás altas temperaturas.

    2. Avaliar o risco e elaborar un plan de acción específica para a calor.

    3. Planificar as medidas no plan de prevención.

    4. Formar e informar as persoas traballadoras e os mandos sobre o risco e as medidas adoptadas.

    5. Incorporar as medidas organizativas e técnicas precisas para reducir a exposición á calor, planificar descansos e, se for preciso, incrementar as pausas e ambientes frescos e subministrar auga.

    6. A empresa debe facilitar roupa de traballo axeitada, lixeira, que deixe transpirar e non dificulte os movementos. Nos traballos ao aire libre, protexer a cabeza, utilizar lentes de sol e proporcionar cremas de protección en caso de exposición directa ao sol.

    7. Establecer e planificar a vixilancia da saúde e dos primeiros auxilios.

    8. Adestrar as persoas traballadoras expostas no recoñecemento dos primeiros síntomas de alerta dun golpe de calor.

    9. Se for preciso, considerar a paralización do traballo e denunciar o risco perante a Inspección de Traballo.

    10. Contar coa participación das traballadoras e traballadores ou da súa representación legal na xestión do risco e consensuar con ela as medidas.

    Dereitos e obrigas legais

    A Lei de prevención de riscos facilita ferramentas dabondo para afrontar este problema, pois o seu articulado recolle dereitos como a protección fronte aos riscos e o deber do empresario de protexer a saúde dos traballadores e traballadoras; o principio da acción preventiva —evitar riscos—; a idoneidade dos equipos de traballo e dos medios de protección; formación axeitada para o persoal en materia de prevención; obriga do empresario de analizar os posibles riscos; ou incluso o dereito do persoal a interromper unha actividade e abandonar o lugar de traballo se considera que implica un risco grave ou inminente para a súa vida ou saúde, entre outros aspectos.

    Síntomas e como actuar

    Os principais síntomas de esgotamento por calor son:

    — dor de cabeza

    — náuseas

    — mareo

    — vómitos

    — cansazo

    — sudoración

    — pel fría, pálida, húmida

    — pulso rápido e débil

    — febre inferior a 40 ºC

    En casos de esgotamento, cómpre beber auga en pequenos grolos, afastarse a un lugar fresco, afrouxar a roupa ou reducir mecanicamente a temperatura con auga ou panos fríos. Sería preciso procurar atención médica se hai enfermidades crónicas, se aparecen vómitos ou os síntomas empeoran ou persisten máis dunha hora.

    Os principais síntomas da insolación por calor son:

    — pode non haber sudoración:

    — pel quente e colorada;

    — respiración e pulso acelerado e forte;

    — febre superior a 40 ºC;

    — pode haber convulsións, alucinacións, irritabilidade ou alteracións no comportamento ou a consciencia:

    — desmaios.

    A insolación é unha urxencia vital que require chamar decontado o 112. Mentres non chega a axuda, a persoa debe estar nun lugar fresco e procurarase rebaixarlle a temperatura con panos fríos ou mollándoa en auga fría, pero non darlle de beber.