Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

A Mesa Intersindical de Bombeiros critica o acontecido nos parques do Carballiño, Cee, Ordes e Ribeira

    A Mesa Intersindical de Bombeiros, da cal forma parte CCOO, denuncia os problemas padecidos esta fin de semana nos parques do Carballiño, Cee, Ordes e Ribeira. No primeiro deles, un único bombeiro tivo que encargarse o sábado da extinción dun incendio; os outros tres tiveron que permanecer pechados pola «ineptitude» dos xestores.

    28/08/2023.
    Parque de bombeiros de Ordes | Foto: Mesa Intersindical de Bombeiros

    Parque de bombeiros de Ordes | Foto: Mesa Intersindical de Bombeiros

    Os sindicatos cualifican de «lamentable episodio» o acontecido no concello ourensán, onde ao día seguinte volveu contar cun único efectivo no parque, que presta servizo para os 23 municipios da contorna. «É intolerable que se sosteñan servizos de extinción de incendios cun único efectivo, violando impunemente calquera criterio de seguridade, sobreexpoñendo a vida do bombeiro e forzando situacións de estrés e descontrol imposibles de asumir na soidade», censuran nun comunicado conxunto.

    Xa na provincia da Coruña, a «incompetencia» dos responsables do Consorcio de Extinción de Incendios e Salvamento —que depende da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña— impediu que os devanditos parques de Cee, Ordes e Ribeira puidesen ficar abertos na xornada do domingo, 27 de agosto.

    Desde os sindicatos descoñecen os motivos, «non sendo a falta de competencia», para manter pechados o 30 % dos parques de bombeiros do Consorcio coruñés, privando a poboación «dun servizo esencial de emerxencias».