Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 12 Maio 2025.

CCOO denunciará ante a valedora a externalización das interrupcións voluntarias de embarazo por parte do Sergas

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia denunciará ante a valedora do pobo a externalización por parte do Sergas das interrupcións voluntarias do embarazo. A licitación, prevista por tres anos, ten un valor de aproximadamente 1,4 millóns de euros durante tres anos —ampliables a cinco—. Para o sindicato, resulta «intolerable» que a Xunta de Galicia xustifique a medida nunha suposta «falta de recursos, tanto materiais como humanos» e esíxelle cambios nas súas políticas para «garantir que as mulleres poidan exercer este dereito nos hospitais públicos galegos». 

    29/08/2023.
    CCOO defende o dereito ao aborto legal e seguro

    CCOO defende o dereito ao aborto legal e seguro

    Segundo os datos feitos públicos polo conselleiro de Sanidade a comezos deste ano, Julio García Comesaña, seis de cada dez abortos en Galicia son practicados na sanidade pública. Neste contexto, CCOO coida «prioritario» reforzar o sistema público e non derivar unha «parte considerable» do orzamento para financiar a empresa privada. 

    Para CCOO, a medida que adopta a Xunta é unha consecuencia da súa negativa a crear o Rexistro de profesionais obxectores de conciencia, previsto na Lei orgánica 1/2023, de 28 de febreiro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo. A Xunta alegou contra a creación deste rexistro —que facilitaría a adecuación dos recursos humanos e técnicos necesarios á demanda de cada área sanitaria— porque, segundo o conselleiro, «o Sergas é capaz de realizar interrupcións nas sete áreas». 

    Os datos oficiais do Sergas indican que, no período 2020-2022, o 100 % dos abortos da área de Vigo ou o 91 % da de Santiago-Barbanza foron atendidos na sanidade pública, cifra que contrasta radicalmente co 37 % na da Coruña. Na de Ourense-Verín-Valdeorras anda polo 89 %, algo menos do 80 % en Pontevedra-Salnés, case o 60 % en Lugo-A Mariña e o 51 % en Ferrol.

    No seu escrito á valedora, CCOO instará a que a Xunta cree o rexistro previsto na lei, a que «afaste os seus prexuízos ideolóxicos dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres galegas» e, finalmente, que garanta a realización da interrupción voluntaria do embarazo «no centro público de referencia e máis próximo do domicilio da muller solicitante».

    Unha lei que responde ás demandas feministas

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia sinala que os avances recollidos na Lei de saúde sexual e reprodutiva recollen moitas reivindicacións e propostas defendidas conxuntamente polo sindicato e o movemento feminista. Por esta razón, lamenta que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, «actúe á marxe da lei e do feminismo» con esta licitación en pleno verán, «pondo tamén en risco que as mulleres poidan decidir libremente».

    Comisións Obreiras reitera o seu compromiso coa defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos e coa liberdade de elección das mulleres de Galicia e do resto do mundo. Estes dereitos implican o acceso universal a un aborto legal, seguro, gratuíto e de calidade, así como a métodos anticonceptivos e a unha educación afectivo-sexual plena en todas as etapas da vida.