Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Maio 2024.

A valedora admite a trámite a denuncia de CCOO sobre a externalización das interrupcións voluntarias do embarazo

    A valedora do pobo confirmoulle ao Sindicato Nacional de CCOO de Galicia a admisión a trámite da súa denuncia en relación coa externalización das interrupcións voluntarias do embarazo (IVE) que pretende o Sergas. Para a secretaria xeral do sindicato, Amelia Pérez, resulta «intolerable» que a Xunta de Galicia xustifique a medida nunha suposta «falta de recursos, tanto materiais como humanos» e esíxelle cambios nas súas políticas para «garantir que as mulleres poidan exercer este dereito nos hospitais públicos».

    18/09/2023.
    A valedora do pobo admite a trámite a denuncia de CCOO

    A valedora do pobo admite a trámite a denuncia de CCOO

    No seu escrito, a valedora outórgalle á Consellaría de Sanidade quince días para que lle remita o «preceptivo informe» sobre as garantías ofrecidas pola Administración sanitaria «para facer efectiva a prestación da interrupción voluntaria do embarazo», atendendo ao disposto na lei, a cal recolle que a IVE se realizará «en centros da rede sanitaria pública ou vinculados a ela».

    A valedora tamén coida que o informe se debe remitir «considerando» a sentenza do Tribunal Constitucional de xullo deste ano, segundo a cal a IVE debe realizarse «do xeito menos gravoso para a muller, tratando de evitar desprazamentos [...] e de garantir, na medida do posible, que a muller [...] non saia da súa contorna habitual e poida contar cos apoios dos seus achegados [...]».

    A lei obriga a prestar o servizo en centros públicos

    A denuncia rexistrada por CCOO pon énfase no recoñecemento expreso —no prego en que se licita a externalización do servizo— da suposta «imposibilidade de que os servizos sanitarios públicos do Servizo Galego de Saúde poidan prestar a dita asistencia cos recursos humanos, materiais e de infraestrutura cos que conta na actualidade».

    Esta aseveración é contraria ao establecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que establece o dereito das mulleres ao aborto «en todos os supostos contemplados pola normativa vixente de aplicación». A mesma norma determina que os principios que conforman o sistema público de saúde son «a eficacia, efectividade e eficiencia na xestión». Por outra banda, a Lei orgánica 1/2023, de 28 de febreiro, de saúde sexual e reprodutiva, establece —como subliña a valedora— que esta prestación se realizará «en centros da rede sanitaria pública ou vinculados e ela», outorgando só de xeito excepcional o dereito a acudir a un centro privado.

    Aborto legal, seguro, gratuíto e de calidade

    Comisións Obreiras reitera o seu compromiso coa defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos e coa liberdade de elección das mulleres de Galicia e do resto do mundo. Estes dereitos implican o acceso universal a un aborto legal, seguro, gratuíto e de calidade, así como a métodos anticonceptivos e a unha educación afectivo-sexual plena en todas as etapas da vida.