Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

CCOO propón aproveitar a infraestrutura ferroviaria actual para crear un tren circular capaz de conectar toda Galicia

    Comisións Obreiras (CCOO) presentou este mércores en Santiago de Compostela un plan de servizo ferroviario para Galicia. A principal proposta é un tren circular capaz de unir as sete cidades galegas, as cales estarían unidas a outras 61 estacións e apeadoiros para os servizos de proximidade e a conexión transfronteiriza con Portugal. Isto sería posible aproveitando a infraestrutura actual e permitiría mellorar a conectividade da comunidade autónoma e reducir a dependencia do automóbil.

    20/09/2023.
    De esquerda a dereita, Gregorio Bermejo, Armando Iglesias, Pau Noy e Antón Conde

    De esquerda a dereita, Gregorio Bermejo, Armando Iglesias, Pau Noy e Antón Conde

    A iniciativa presentouse no marco dunha xornada organizada polo sector Ferroviario de CCOO e presentada polo secretario de Acción Sindical, Armando Inglesias; nunha conferencia de prensa que tivo lugar no descanso, abundouse nos detalles canda os medios de comunicación.

    Un intenso traballo

    Gregorio Bermejo, ata hai uns días coordinador do sector Ferroviario de CCOO de Galicia, sinalou que un dos problemas da situación do ferrocarril na comunidade é que, durante anos, se lle «deu prioridade á chegada da alta velocidade», deixando de lado o tren de proximidade. Neste sentido, explicou que o sindicato leva máis dun ano reuníndose con autoridades locais e empresariais tanto galegas como do norte de Portugal, recibindo sempre o apoio a unha proposta que sirva para reforzar os trens de proximidade e as conexións transfronteirizas.

    Antón Conde, do sector Ferroviario de CCOO na provincia de Pontevedra, recalcou que a proposta do sindicato «faría posible viaxar case desde calquera punto de Galicia a outro e regresar no día», algo que na actualidade non pode facer a maior parte da poboación por falta de conexións ou de horarios axeitados.

    O ferrocarril é o futuro

    Na xornada organizada por CCOO, así como na conferencia de prensa, participou como convidado Pau Noy, representante da Alianza Ibérica por el Ferrocarril (AIF), unha plataforma da que forma parte o propio sindicato. «Agora é o momento do tren», sentenciou na súa intervención. Na súa opinión, a nosa sociedade encamíñase a un progresivo abandono do automóbil por mor do encarecemento dos combustibles e o lento progreso do vehículo eléctrico.

    O representante da AIF defendeu este modo de transporte como «o futuro», xa que une as vantaxes da necesidade de mellorar a mobilidade coa redución de emisións contaminantes. Afirmou que a alternativa será o ferrocarril e non o vehículo eléctrico, pois o prezo é un factor decisivo na súa lenta implantación actual. Tampouco prevé que se abarate no medio prazo, pois os motores destes automóbiles utilizan metais que escasean e que xa se cotizan á alza.

    Para Noy, «todo son vantaxes» apostando pola rede ferroviaria. «O ferrocarril electrificado —que é a maioría— reduce as emisións case a cero», subliñou. Outros beneficios son os tempos de viaxe «competitivos», a menor sinistralidade e a desconxestión das vías de circulación.

    A proposta de CCOO

    A proposta de CCOO consiste nun tren circular que enlazaría cunha rede de proximidade transfronteiriza. Ambos os dous deseños, sobre a base da infraestrutura actual. Este «innovador enfoque», apuntan, coordinaríase coa intermodalidade, combinando medios de transporte que darían servizo ao conxunto do territorio galego.

    O tren circular partiría da estación de Guixar (Vigo), continuaría por Pontevedra, Vilagarcía, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Monforte de Lemos, Ourense —ligando coa conexión a Madrid— e regreso a Guixar. No sentido inverso, partiría de Vigo cara a Ourense ata rematar de novo en Vigo.