Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Maio 2024.

CCOO demanda abordar desde o diálogo social «políticas sectoriais propias» para potenciar o emprego en Galicia

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia participou este venres en Santiago de Compostela nunha xornada canda o comisario europeo de Emprego e Asuntos Sociais. Neste foro, CCOO demandou abordar desde o diálogo social «políticas sectoriais propias» para potenciar o emprego na comunidade autónoma. Así o expresou a representante do sindicato no encontro, Maica Bouza, secretaria de Emprego, Política Social e Políticas Públicas de Protección.

    22/09/2023.
    No centro, Maica Bouza, secretria de Emprego de CCOO

    No centro, Maica Bouza, secretria de Emprego de CCOO

    Galicia, explicou, sempre foi «receptora nata» de fondos europeos por ser un dos territorios menos desenvolvidos da Unión Europea, «cunha especialización produtiva baseada no sector primario e cun elevado peso de sectores industriais que sufriron fortes procesos de reconversión».

    Non obstante, ese diñeiro «non sempre se destinou a conseguir os obxectivos de diversificación produtiva, consolidación de emprego e fixación da poboación», entre outros motivos porque non se contou cos sindicatos para o deseño e seguimento das políticas que se financiaron con estes recursos, «como acontece agora cos fondos para a recuperación».

    A representante de CCOO reivindicou a participación sindical, no marco do diálogo social, para que Galicia avance. En materia de emprego, co deseño de políticas propias que non se limiten a replicar as medidas estatais e a adecuar a formación ás necesidades do tecido produtivo. Deste xeito, camiñar cara á converxencia nos distintos parámetros, como poden ser a taxa de actividade galega —que «historicamente» é inferior á española— ou a de emprego xuvenil, entre outras.

    As políticas de redución da desigualdade «tampouco dan os resultados previstos», explicou Bouza, pois a fenda de xénero «está estancada» —a taxa de actividade masculina supera en oito puntos a feminina— e a taxa de emprego xuvenil é case dez puntos inferior á xeral.

    Outra cuestión sobre a que chamou a atención foi a seguridade no traballo. «Segundo os últimos datos, en Galicia estanse a producir dúas mortes á semana en accidente de traballo, sendo os sectores da construción e o forestal os máis afectados». Así mesmo, evidénciase unha relación entre a sinistralidade laboral e a precariedade das condicións de traballo.

    Protección social

    Galicia ten unha das poboacións máis envellecidas do Estado e as segundas pensións máis baixas por contía. Isto fai que as redes de protección social «sexan moito máis necesarias» na comunidade autónoma. Porén, non está sendo así. Dunha banda, porque o ingreso mínimo vital —estatal— «só chega a un terzo da poboación obxectivo en Galicia» e a Risga —autonómica— leva dous anos á espera de modificación para dar cobertura aos colectivos excluídos polo IMV. Doutra, o sistema de atención á dependencia está en «situación dramática»; ao tempo que non se constrúen residencias públicas, as privadas teñen un custo tan elevado que se dificulta o acceso e as condicións laborais no sector dos coidados son aínda precarias.