Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Maio 2024.

CCOO reclama máis investimento para o envellecemento activo das persoas maiores e a atención á dependencia

    O día 1 de outubro de 2023 conmemórase o 33 aniversario do Día Internacional das Persoas Maiores, designado pola Asemblea Xeral da ONU na súa resolución 45/106. Para CCOO non é un día de celebración, é fundamentalmente «un día de reivindicacións e propostas que dean solución aos retos a que nos enfrontamos as persoas maiores», sinala a Federación de Pensionistas e Xubilados do sindicato. Por esta razón, reclama máis investimento para garantir o envellecemento activo deste segmento da poboación, así como reforzar en todos os aspectos o sistema de atención á dependencia.

    29/09/2023.
    CCOO demanda máis investimento para un envellecemento activo

    CCOO demanda máis investimento para un envellecemento activo

    Desde CCOO lembran que a pandemia da covid-19 puxo o foco sobre as residencias, espazos de vivenda e convivencia «nos que se infestaron e faleceron un número moi elevado de persoas maiores», en moitos casos sen recibiren asistencia médica. «Cómpre analizar a gravidade do ocorrido e cambiar o actual modelo de residencias», avoga o sindicato, ao tempo que sinala que sete de cada dez prazas son privadas, ao tempo que boa parte das públicas tamén están xestionadas por empresas.

    Cambio no modelo de residencias

    O sindicato defende o impulso da atención domiciliaria ás persoas dependentes, así como reforzar os centros de atención diúrnos e nocturnos. «Para articular o modelo residencial que necesitamos, é necesario ter protocolos de como se debe coidar as persoas usuarias das residencias».

    Para CCOO, «cómpre máis atención ás persoas no seu domicilio» e, neste sentido, facilitar a accesibilidade das vivendas e a formación para as persoas coidadoras, así como mellorar as condicións laborais dos profesionais que se dedican a este labor.

    Envellecemento activo e sociedade dixital

    CCOO pide políticas públicas en materia de promoción da saúde épara garantir o envellecemento activo. Para este obxectivo cómpre incrementar o gasto sanitario público ata o 7,5 % do PIB e o gasto en atención primaria ata o 25 % do total.

    En materia social e económica, Comisións tamén solicita que se baixe o custo dos servizos esenciais, «aprobando medidas eficaces de control de prezos» —especialmente no caso dos alimentos—, seguir garantindo pensións dignas e suficientes —na liña do último acordo na materia—, así como revisar os criterios de acceso ao bono social térmico para que cubra máis colectivos e reducir a burocracia.

    A sociedade tecnolóxica é outra das preocupacións para CCOO. Neste sentido, a súa Federación de Pensionistas esixe que a transformación dixital se faga «de xeito inclusivo, sen deixar ninguén fóra» por falta de recursos económicos ou de capacitación. En particular, insta o Goberno a terminar coa «discriminación» que sofren as persoas maiores no acceso aos servizos bancarios, tanto polos requisitos tecnolóxicos como polas «elevadas comisións» que cobran as entidades.