Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Maio 2024.

CCOO reproba a violencia terrorista de Hamás, así como a escalada belicista de Israel contra o pobo palestino en Gaza

    O ano 2023 foi o 75 aniversario da aprobación do plan de partición das Nacións Unidas que dividía en dúas partes a Palestina histórica, impulsando a creación dun Estado xudeu e outro árabe. Desde ese momento, a comunidade internacional puido constatar a diario as gravísimas violacións dos dereitos humanos nos territorios ocupados.

    11/10/2023.
    CCOO insta a comunidade internacional a non ollar para outro lado perante a violación dos dereitos humanos

    CCOO insta a comunidade internacional a non ollar para outro lado perante a violación dos dereitos humanos

    CCOO denuncia que Israel mantén unha ocupación brutal sobre Gaza e Cisxordania —incluído Xerusalén leste— e unha masiva colonización de amplos territorios pertencentes ao pobo palestino, onde nas últimas décadas non pararon de aumentar as violacións dos dereitos humanos por parte de Israel, impedindo calquera posible negociación cara a un proceso de paz.

    Israel tamén incumpriu reiteradamente todas as resolucións das Nacións Unidas sobre Palestina, síntoma do fracaso da comunidade internacional á hora de facer cumprir os compromisos adquiridos co pobo palestino. Todo iso sucedeu, ademais, co silencio cómplice de gran parte dos Estados membros de Nacións Unidas, que abandonaron o pobo palestino, dándolle carta branca a Israel para anexionar as colonias nos territorios ocupados e facendo do 2023 —moito antes da escalada bélica destes días— o ano máis mortífero das últimas dúas décadas.

    CCOO condena todo tipo de violencia, tanto a perpetrada por Hamás contra a poboación israelí como a exercida na escala belicista de Israel contra o pobo palestino en Gaza, que ademais de ataques armados inclúe o bloqueo de alimentos e electricidade e a destrución de infraestruturas básicas, o que supón a vulneración de dereitos humanos e da Convención de Xenebra. Tamén esixe a fin das violacións constantes dos dereitos humanos da poboación palestina por parte de Israel e da limpeza étnica practicada desde hai máis de sete décadas.

    Estas vulneracións da legalidade xa as denunciaba o Sindicato Nacional de CCOO a través dunha resolución aprobada no seu último Congreso Nacional —en maio do 2021—, que detallaba os masacres de familias enteiras —incluídos menores de idade— no medio de manifestacións racistas contra a poboación árabe.

    Para CCOO, garantir a paz debe ser o obxectivo principal, mais para alcanzala —e que sexa duradeira e xusta— é preciso acatar os principios xurídicos dos acordos e consensos internacionais, conculcados de maneira permanente, e recuperar o principio de autodeterminación do pobo palestino.

    CCOO coida imprescindible a presión política e social internacional para conseguir este fin. O Goberno de España —que este semestre asume a presidencia do Consello da UE— debe liderar no ámbito internacional, tanto na Unión Europea como perante as Nacións Unidas e outros foros internacionais, unha postura firme para garantir o respecto ao dereito internacional.

    Neste sentido, CCOO insta o Goberno español a que, no prazo máis breve posible, recoñeza o Estado palestino, facilitando as vías para unha solución negociada do conflito dentro da legalidade internacional. Así mesmo, demándalle á comunidade internacional que esixa o cumprimento das resolucións da ONU e medidas concretas para acabar coa ocupación de Palestina e a violación dos dereitos humanos na rexión.

    Por último, CCOO manifesta a súa solidariedade cos sindicatos palestinos e israelís nestes difíciles momentos.