Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

O sector da limpeza de edificios mobilízase en toda Galicia por un convenio digno

    O sector da limpeza de edificios mobilízase nas catro provincias galegas en demanda dun convenio digno. Comezaron o mércores, 11 de outubro, en Lugo, con centos de traballadores e traballadoras denunciando o bloqueo das negociacións por parte das empresas e a convocatoria dunha folga a partir do día 16.

    13/10/2023.
    Protesta do persoal da limpeza o 11 de outubro, en Lugo

    Protesta do persoal da limpeza o 11 de outubro, en Lugo

    Pola súa parte, na provincia de Pontevedra levan oito meses de negociacións sen avance ningún, cunha única oferta patronal de suba do 2 % —sen cláusula de revisión—. Por este motivo, o vindeiro 16 de outubro haberá unha concentración ás 11:30 horas, diante da rúa de Venezuela, n.º 2.

    En Ourense, a patronal teima en aboar «salarios por baixo do SMI» e con «artimañas de bloqueo» nas negociacións, polo que tamén o vindeiro luns haberá unha concentración, neste caso diante das oficinas de Eulen.

    Finalmente, a provincia da Coruña ten convenio en vigor, mais ante a situación do resto de Galicia, os sindicatos convocan unha asemblea de delegadas e delegados para o vindeiro 25 de outubro, mércores, onde traballarán na plataforma reivindicativa do próximo convenio.