Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

A presión sindical forza a Xunta de Galicia a convocar a mesa do naval

    A presión sindical forza o Goberno galego a convocar a mesa do naval, pedida por CCOO, UGT e CIG hai tres semanas após o falecemento dun traballador do estaleiro Armón. A xuntanza terá lugar o vindeiro 25 de outubro, ás 16:30 horas, na delegación territorial da Xunta en Vigo.

    13/10/2023.
    Concentración diante do estaleiro Armon antes de comezar a manifestación (21/9/2023)

    Concentración diante do estaleiro Armon antes de comezar a manifestación (21/9/2023)

    Tras varios cruzamentos de comunicados nas últimas semanas e as tentativas da Administración para «escapar da reunión» —critican os sindicatos—, prodúcese esta convocatoria. En caso de que non se producise, as tres organizacións estaban dispostas a convocar unha folga no sector.

    Á reunión da mesa acudirán, en nome da Xunta, a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha; o secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez; e a xerenta do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá. Tamén participará unha persoa en representación da xefatura provincial da Inspección de Traballo. Polo momento non hai confirmación da representación da patronal.

    Na mesa, CCOO, CIG e UGT manifestarán os problemas que ten o sector «en todos os seus aspectos», especialmente no que atangue á estabilidade laboral e á seguridade das persoas traballadoras.