Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

O TSXG declara nulo o convenio da construción de Pontevedra, asinado en solitario pola CIG e a patronal

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declara nulo o convenio da construción da provincia de Pontevedra, asinado en solitario pola CIG e pola Asociación da Construción de Pontevedra. Tanto CCOO-Hábitat como UGT xa advertiran do perigo de asinar un documento «non axustado a dereito» e das consecuencias que podería ter para o emprego. En concreto, vulnerábanse o convenio estatal así como dereitos xa consolidados para máis de 17 000 traballadores e traballadoras, como o pagamento de atrasos, contrato fixo de obra ou subrogación.

    07/11/2023.
    Traballadores do sector da construción

    Traballadores do sector da construción

    Segundo CCOO-Hábitat, a provincia de Pontevedra é a única que a día de hoxe non ten pechada a negociación colectiva. Isto ten consecuencias directas na contratación pública, pois non lles permite ás máis de 3100 empresas do sector coñecer a regulación laboral que deberán aplicar os próximos anos.

    O sindicato tamén apunta que esta provincia é a única «que non foi quen de crecer despois da pandemia», circunstancia que atribúe á inestabilidade laboral, que provoca o freo de proxectos. Deste xeito, o crecemento do sector en Pontevedra está moi por baixo do resto de Galicia, cun 16 %, a notable distancia do 30,4 % na Coruña, o 33,3 % de Ourense ou o 41,3 % de Lugo.

    CCOO-Hábitat contrapón a situación á que viven as outras tres provincias, onde CCOO e UGT pecharon o asinamento dos respectivos convenios —reflexo do estatal—, «servindo de impulso e motor para a economía do sector, xerando estabilidade no emprego e sendo garante dos dereitos das persoas traballadoras».

    Anulado por unha denuncia da patronal estatal

    Dáse a circunstancia de que a anulación do convenio pontevedrés se produciu após unha denuncia da patronal estatal e co paradoxo de que o sindicato asinante, a CIG, «nin sequera acudiu ao TSXG para defender o que asinou». «Unha vez máis —subliña CCOO—, a CIG demostra que non sabe xestionar as maiorías, tal e como se está vendo no sector da construción de Pontevedra, no sector de salóns de peiteado de Galicia ou no sector da limpeza de Lugo».

    Por todo isto, CCOO fai un «chamamento á responsabilidade» por parte da patronal ACP e da CIG para a nova negociación e poder «resolver esta desfeita polo ben dos 17 000 traballadores e traballadoras do sector».