Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Maio 2024.

A Xustiza anula o plan de formación do Concello de Vigo por ignorar os sindicatos

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dálle a razón a CCOO e ratifica a anulación do plan de formación que o Concello de Vigo elaborou de costas á representación sindical. O alto tribunal galego desestima así un recurso municipal contra a sentenza de primeira instancia que revogaba o acordo da xunta de goberno pola que se aprobaba o dito plan, datado en xullo do ano pasado.

    09/11/2023.
    Concello de Vigo

    Concello de Vigo

    A sentenza chega tras unha denuncia de Comisións Obreiras, que afirmaba que a aprobación do plan se producira de maneira contraria ao dereito, xa que se levou a cabo nunha xunta de goberno e non mediante unha comisión paritaria con participación sindical.

    O propio TSXG lembra que xa se anulara o plan de formación do 2020 pola mesma razón, insistindo que o plan do 2022 «incorre nos mesmos vicios». A sentenza lembra que tanto o Acordo regulador do persoal funcionario do Concello como outras normas obrigan á participación sindical no grupo de traballo para elaborar o dito plan.

    Por todo isto, ademais de tombar o plan do Concello, o TSXG condena en custas o Goberno local ata un máximo de 1000 euros.

    «Colaboracionismo sindical»

    CCOO lamenta que o Concello de Vigo «teime neste tipo de ilegalidades», pero reprocha tamén que houbera dous sindicatos —CIG e UGT— que deran o voto favorable ao plan e outro que se abstivo —CSIF—, malia incorrer nas mesmas causas que conduciran á anulación do anterior no 2020. «Ese mal entendido colaboracionismo sindical coa patronal foi a tónica que seguiron algúns», critican desde a sección sindical de Comisións Obreiras.