Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

Un informe técnico analizará as causas da sinistralidade do naval de Vigo

    O luns, 13 de novembro, tivo lugar unha nova reunión da mesa do sector naval de Vigo, centrada nesta ocasión na prevención de riscos laborais. Participaron os sindicatos CCOO, CIG e UGT, así como persoal técnico de prevención dos estaleiros, do ISSGA, a Inspección de Traballo de Pontevedra e da Xunta de Galicia.

    14/11/2023.
    Un momento da reunión da mesa

    Un momento da reunión da mesa

    Na xuntanza, o ISSGA (Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral) presentou unha análise de accidentes leves, graves e falecementos desde 2018, tomando como referencia o CNE 301 (construción naval).

    Segundo o ISSGA, a falta de coordinación entre diferentes empresas que operan nos estaleiros é un denominador común nos accidentes. Proponse a implementación de programas de formación en seguridade e coordinación como medida preventiva.

    O Instituto ten previsto presentar un documento na próxima reunión, fixada xa para xaneiro, onde se detallen as accións mínimas para mellorar a prevención de riscos.

    Pola súa parte, a Inspección comprométese a liderar unha campaña de aplicación e supervisión do documento, con dúas fases: informar na primeira visita e sancionar na segunda en casos de incumprimento.

    A xuntanza rematou coa conclusión de que o obxectivo principal é establecer unha coordinación efectiva no sector, apoiada por unha campaña de sensibilización en seguridade. Asemade, emitirase un informe que identifique posibles causas comúns nos accidentes graves para integrar no protocolo de actuación.