Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Maio 2024.

Gran manifestación en Santiago na cuarta xornada de mobilización nas escolas infantís 0-3 anos

    Este mércores ten lugar o cuarto día de folga e mobilización das escolas infantís 0-3 anos, que contou cunha gran manifestación polas rúas de Santiago de Compostela.

    15/11/2023.
    Manifestación das escolas infantís en Santiago de Compostela (15/11/2023)

    Manifestación das escolas infantís en Santiago de Compostela (15/11/2023)

    A marcha partiu da Alameda compostelá e rematou na praza das Praterías. Antes, pasou por diante da sede da Confederación de Empresarios de Galicia, na rúa do Vilar, para enviarlles unha mensaxe ás patronais do sector.

    Na manifestación participou unha ampla delegación de CCOO, encabezada pola secretaria xeral, Amelia Pérez, acompañada de varios membros da Comisión Executiva Nacional do sindicato.

    Obstrucionismo das empresas

    Os sindicatos CCOO, UGT e CIG denuncian que, malia ás numerosas reunións da mesa negociadora, non hai avances. «As patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que lles permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas», sinalan.

    Este obstrucionismo impide aprobar unhas táboas salariais «equilibradas, dignas e xustas». Ao tempo, cáusalles un «grave prexuízo» aos traballadores e traballadoras do sector da xestión indirecta, pois impide o asinamento dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. Esta negativa priva as traballadoras dunha remuneración xusta e acorde coas súas responsabilidades laborais.