Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

CCOO esíxelle á patronal axilidade para renovar o convenio da hostalaría de Pontevedra

    CCOO-Servizos denuncia a falta de interese da patronal de hostalaría da provincia de Pontevedra, que mantén o convenio caducado desde o 31 de decembro do 2021, hai xa case dous anos. O sindicato defende que «non podemos pasar outro Nadal sen regular as condicións de traballo» no sector, especialmente «nun momento en que os datos de ocupación están en máximos históricos».

    20/11/2023.
    José Mirás e Jorge Carneiro explicaron a situación nunha conferencia de prensa este luns

    José Mirás e Jorge Carneiro explicaron a situación nunha conferencia de prensa este luns

    Nunha conferencia de prensa que tivo lugar este luns en Vigo, os voceiros de CCOO, Jorge Carneiro e José Mirás, sinalaron que as patronais se queixan acotío da falta de persoal, cando ao mesmo tempo sorprenden «con declaracións ilegais e polémicas realizadas desde a patronal estatal, que defende xornadas escravistas de 12 horas diarias».

    CCOO coida que cómpre «regular decontado» nun novo convenio as condicións de traballo, para o que lle reclama «axilidade» á patronal. O novo texto deberá incluír medidas para garantir a conciliación da vida persoal e a familiar, así como a mellora da cualificación profesional e dos salarios, para facer atractivas as condicións laborais do sector.

    Precisamente, os baixos salarios, así como os incumprimentos en materia de xornada, os horarios que impiden a conciliación ou a falta de regulación das condicións dos fixos-descontinuos son algúns dos principais problemas.