Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Abril 2024.

Concentracións diante das sedes de CCOO en apoio ao pobo palestino

    Este mércores, 29 de novembro, ás 12:00 horas, CCOO convocou concentracións diante da súas sedes en apoio ao pobo palestino.

    29/11/2023.
    A Comisión Executiva Nacional participou desde Barcelona, onde intervén no Galeuscat Sindical

    A Comisión Executiva Nacional participou desde Barcelona, onde intervén no Galeuscat Sindical

    O sindicato, tanto no ámbito confederal como nacional, reproba a violencia terrorista de Hamás, así como a escalada belicista de Israel contra o pobo palestino, que xa causou máis de 15.000 vítimas mortais ata o momento.

    Para CCOO, garantir a paz debe ser o obxectivo principal, mais para alcanzala —e que sexa duradeira e xusta— é preciso acatar os principios xurídicos dos acordos e consensos internacionais, conculcados de maneira permanente, e recuperar o principio de autodeterminación do pobo palestino.

    Neste sentido, o sindicato denuncia que Israel mantén desde hai décadas unha ocupación brutal sobre Gaza e Cisxordania —incluído Xerusalén leste— e unha masiva colonización de amplos territorios pertencentes ao pobo palestino, onde son constantes as violacións dos dereitos humanos.

    Israel tamén incumpriu reiteradamente todas as resolucións das Nacións Unidas sobre Palestina, síntoma do fracaso da comunidade internacional á hora de facer cumprir os compromisos adquiridos co pobo palestino.

    CCOO coida imprescindible a presión política e social internacional para conseguir este fin. O Goberno de España —que este semestre asume a presidencia do Consello da UE— debe liderar no ámbito internacional, tanto na Unión Europea como perante as Nacións Unidas e outros foros internacionais, unha postura firme para garantir o respecto ao dereito internacional.